Noticias

Estrea da escritora Inma López Silva na Escola de Letras da Deputación e Galaxia

Esta semana se inician os obradoiros literarios de iniciación e perfeccionamento que celebraranse de xeito telemático debido á situación derivada da pandemia


01 novembro 2020
Inma López Silva

A recoñecida escritora galega Inma López Silva impartirá desde este luns 2 de novembro dous novos cursos da Escola de Letras que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha xunto á Editorial Galaxia. Trátase de dous obradoiros literarios, un de iniciación, e outro de perfeccionamento que terán oito sesións cada un deles entre novembro e decembro. As súas prazas están esgotadas e se celebrarán en formato telemático ante a actual situación derivada da pandemia da Covid-19.

Máis polo miúdo, o curso literario de perfeccionamento desenvolveranse os días 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro, entre as 19:30 e as 21:30 horas, e o 9, 14 e 21 de decembro no mesmo horario. Pola súa banda, o obradoiro literario de iniciación terá lugar o 3, 10, 17 e 24 de novembro e os días 1, 10, 15 e 22 de decembro.

Inma López Silva (Santiago, 1978) é unha das novas narradoras galegas máis destacadas. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas en recoñecemento aos seus 20 anos de traxectoria literaria. Amais de escritora, destaca  como crítica e investigadora teatral e é colaboradora habitual en numerosas publicacións. É profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

A súa novela de debut, "Neve en abril" gañou o Premio Rúa Nova da Biblioteca Nova 33 de Santiago en 1996 e foi editada no 2005 por Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades. Outros traballos publicados son "Rosas, corvos e cancións", "Concubinas" (Premio Xerais 2002) ou "New York, New York" (2007). Con "Memoria de cidades sen luz" obtivo o Premio Blanco Amor 2007, o premio AELG á mellor obra de narrativa 2008 e o galardón Arcebispo San Clemente á mellor novela en galego 2008.