Noticias

Este luns comeza un novo curso de español da Deputación para persoas inmigrantes

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá á apertura do curso na sede da Deputación en Vigo


26 novembro 2017
Curso de español

Este luns 27 de novembro comezará o último curso do ano de español para persoas inmigrantes, formación promovida pola Deputación de Pontevedra. Anteriormente xa se celebraron as tres primeiras quendas, que tiveron lugar entre outubro e novembro. Para as catro quendas deste programa cubríronse todas as prazas, participando un total de 60 alumnos e alumnas de case unha ducia de países que, de xeito gratuíto, puideron prepararse para superar o exame do Diploma de Español como Lingua Estranxeira (DELLE A2), requisito imprescindible para adquirir a nacionalidade española.

Esta cuarta quenda do ano, que terá lugar na sala de exposicións da sede de Vigo da Deputación de Pontevedra, estenderase desde este luns 27 de novembro ata o 20 de decembro en horario de 17:30 a 20:30 horas, ata o 13 de decembro, e de 18:30 a 20:30 horas entre o 14 e o 20 de decembro.

Neste último curso do ano participarán exactamente oito persoas procedentes de Ghana, Nixeria, Serra Leona, Senegal, Brasil, Marrocos e Ucraína.

Esta iniciativa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, posta en marcha este ano por primeira vez, está orientada a facilitar a formación necesaria a aquelas persoas, que sendo maiores de 16 anos e en situación administrativa regular, precisen preparar o exame do DELE para a obtención da nacionalidade española. O éxito do programa foi tal que as prazas ofertadas completáronse en apenas un mes.

O exame DELE esixe unha preparación previa, cun custo económico asociado, que nalgúns casos dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social. Os cursos pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE en igualdade de condicións.

Os cursos, que son integramente subvencionados pola Deputación incluíndo tamén as taxas de matrícula do DELE, son impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrantes para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral.


Novas relacionadas

cursos de español para persoas inmigrantes

18 setembro 2017, xuventude, cohesión social, vigo, deputación de pontevedra, inmigrantes, cursos de español