Noticias

A Deputación de Pontevedra adxudica a esperada humanización da EP-1104 Moaña-Coiro cun investimento de case 600.00 euros

Trátase dunha das actuacións de infraestruturas máis ambiciosas da comarca do Morrazo, que está financiada integramente polo ente provincial


09 abril 2021

O Concello de Moaña verá renovado a EP-1104, entre a curva do río de Figueirido ata o remate da recta do Casal, grazas á aprobación hoxe en Xunta de Goberno da adxudicación da humanización da zona por 585.396 euros, dos que o 30 % son aportados polo concello a través do Plan Concellos da Deputación. Con este investimento as peoas e peóns e as persoas ciclistas terán prioridade para circular con seguridade, nunha actuación enmarcada no modelo de mobilidade segura, sostible e integradora na Rede Provincial de Estradas.

As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses e que se iniciarán de xeito inminente, realizaranse nun tramo de case 600 metros, dos que preto de 400 contarán con sendas peonís en ambas beiras. O resto disporá de plataforma única con prioridade peonil na que se xogará con materiais, cores e texturas para establecer unha diferenciación entre o espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos.

A actuación suporá tamén a renovación dos firmes e pavimentos, a dotación de drenaxe das augas pluviais en todo o percorrido así como a completa renovación da iluminación pública con tecnoloxía LED, respectuosa co medio ambiente. Ademais, con este investimento da Deputación de Pontevedra instalarase mobiliario urbano, como bancos de madeira, e colocaranse escavas para delimitar as árbores existentes.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019) e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).