Noticias

A Deputación de Pontevedra aperta o acelerador cara ao proxecto de recuperación do espazo público e mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro

O Goberno provincial aprobou o proxecto de execución para "unha actuación pioneira no Morrazo e un exemplo de como hai que tratar as estradas no século XXI"


06 novembro 2020
Reución da presidenta

O ambicioso proxecto de execución para a recuperación do espazo público e de mellora da mobilidade peonil do tramo da EP 1104 entre Moaña e Coiro xa ten o visto bo do Goberno da Deputación de Pontevedra. A Xunta de Goberno aprobou esta actuación que reformulará por completo a vía, entre os puntos quilométricos 1+200 e 1+780, estendendo a accesibilidade e a convivencia entre peóns e vehículos e dotándoa de novos servizos.

A humanización desta infraestrutura, unha das máis esperadas no Morrazo, conta cun orzamento de 690.000 € financiados na súa totalidade pola Deputación, que cubre directamente o 70 % (483.000 €) mentres que o 30 % restante (207.000 €) son recursos do Plan Concellos que a institución provincial achega a Moaña. O proxecto enmárcase no convenio recentemente asinado entre a Deputación e o Concello que foi cualificado de "exemplar e pioneiro no Morrazo pola presidenta, Carmela Silva, e a alcaldesa, Leticia Santos. Unha obra espectacular, apuntaron, que transformará Moaña. "Un exemplo, dixeron, de como hai que tratar as infraestruturas provinciais mudando o modelo vixente no século XX, no que os vehículos ocupaban todos os espazos públicos, por outro do século XXI".

O proxecto para o tramo entre Moaña e Coiro sitúase no modelo de humanizacións con zonas de convivencia e vai permitir que as persoas ciclistas e peóns teñan preponderancia, sendo a prioridade e ocupando o espazo público. De feito, dotarase a este tramo de sendas peonís/ ciclistas e unha zona de convivencia con plataforma única de formigón pero con preferencia das persoas, plataforma que xogará con materiais, cores e texturas, para poder establecer unha diferenciación entre o espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos. A actuación suporá, ademais, a renovación dos firmes e pavimentos, a construción dunha drenaxe adecuada á vía, a construción de estruturas de contención, renovación total da iluminación (báculos, postes e luces led), reposición dos peches e canalización subterránea das redes eléctrica e de telecomunicacións, e mobiliario urbano e xardinería.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.