Noticias

Esgotadas en dúas horas as prazas para a segunda ruta "Voando nas Rías Baixas" que discorrerá pola enseada de San Simón

Un total de 25 persoas gozarán desta iniciativa, de xeito totalmente gratuíto, o próximo 10 de febreiro na enseada de San Simón


28 xaneiro 2019
Voando nas Rías Baixas

Soamente dúas horas despois da apertura do prazo de inscrición, a Deputación de Pontevedra tivo que pechar esta mañá a recepción de solicitudes para participar na segunda ruta do programa "Voando nas Rías Baixas", que impulsa en colaboración con SEO/Birdlife. Esta segunda ruta ornitolóxica gratuíta, que se desenvolverá o próximo 10 de febreiro na enseada de San Simón, ten por obxectivos achegar ao público a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra ao tempo que concienciar e sensibilizar á poboación local.

Ás nove da mañá de hoxe abriuse o prazo para a segunda ruta de "Voando nas Rías Baixas" e pouco despois xa tiña as 25 prazas ofertadas cubertas. Deste xeito, e ante a elevada demanda e número de solicitudes, a Deputación de Pontevedra decidiu abrir unha lista de agarda coas persoas que non conseguiron praza.

Tras pasar polo esteiro do río Miño e A Foz da Ramallosa o pasado 20 de xaneiro, chega a quenda da enseada de San Simón, unha das novidades da edición deste ano de "Voando nas Rías Baixas". Concretamente, as persoas que participarán nesta ruta, o próximo 10 de febreiro pola mañá, percorrerán espazos dos concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa, protexidos pola Rede Natura 2000, onde invernan un nutrido número de aves acuáticas, mariñas e paseriformes das contornas arbóreas. As 25 persoas que participen na ruta ornitolóxica pola enseada de San Simón poderán desde o pato asubiador, que ten na enseada de San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, ata aves limícolas como o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e claro, o pilro común e tridáctilo, o mazarico real, e ardeidos como a garza real, garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños como o vistoso martiño peixeiro.

Para o mellor seguimento da actividade, a Deputación de Pontevedra vai poñer á disposición das persoas participantes prismáticos de observación de aves, dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar de aves sen molestalas e unha guía de aves para cada asistente á ruta ornitolóxica.

Trala segunda ruta de "Voando nas Rías Baixas" pola enseada de San Simón o programa continuará o 3 de marzo na Reserva Ornitolóxica do Grove e o 19 de maio nas Brañas de Xestoso. O último dos percorridos desta segunda edición da iniciativa terá lugar o 16 de xuño pola serra do Suído.