Noticias

A enseada de San Simón protagonista este domingo da segunda das rutas ornitolóxicas da Deputación "Voando nas Rías Baixas"

Un total de 25 persoas participarán neste percorrido pola ría de Vigo que esgotou en menos de dúas horas as prazas ofertadas


08 febreiro 2019
Voando nas Rías Baixas

Un grupo de 25 persoas participará este domingo, 10 de febreiro, a partir das 10.00 da mañá, na segunda das rutas ornitolóxicas de "Voando nas Rías Baixas 2019" pola enseada de San Simón, na ría de Vigo, unha das grandes novidades do programa deste ano. Esta proposta, que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO/Birdlife e esgotou en menos de dúas horas as prazas ofertadas, percorrerá as beiras da enseada de San Simón a través dos concellos de Pontevedra, Redondela, Soutomaior e Vilaboa.

A enseada de San Simón trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000 no que destaca especialmente a presenza do pato asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia. Xunto a este exemplar, na enseada é posible observar outras anátidas atractivas e limícolas como o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e claro, o pilro común e tridáctilo, o mazarico real e ardeidos como a garza real, a garzota común, gaivotas, corvos mariños e paxariños como o vistoso martiño peixeiro.

Durante o percorrido pola enseada de San Simón, ao que asistirá a deputada provincial Digna Rivas, as 25 persoas participantes estarán acompañadas de dúas persoas monitoras ornitólogas. Ademais, a Deputación de Pontevedra pon a disposición das e dos participantes, de xeito gratuíto, o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.

"Voando nas Rías Baixas 2019" trátase dunha iniciativa para achegar ao público, de xeito totalmente gratuíto, a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. Trala primeira cita en xaneiro polo esteiro do Miño e A Foz da Ramallosa e este segundo percorrido pola enseada de San Simón, o programa continuará o 3 de marzo na reserva ornitolóxica do Grove, o 19 de maio nas brañas de Xestoso e o 16 de xuño na serra do Suído.

A través de "Voando nas Rías Baixas", enmarcado nas propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo, preténdese sensibilizar á poboación local, internacionalizar e desestacionalizar o destino da provincia de Pontevedra. Cómpre lembrar que o turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Ademais de conseguir este obxectivo, esta actividade tamén vai acorde con outra das liñas estratéxicas do plan que formula a necesidade de diversificar o turismo ao tempo que sensibiliza á cidadanía sobre a preservación dos espazos naturais.