Noticias

Esgotadas en dúas horas as prazas dispoñibles para as visitas teatralizadas ao castelo de Sobroso

Dona Urraca e Pedro Madruga serán os protagonistas das visitas, dirixidas ao público familiar, que se desenvolverán os días 16, 17, 29 e 30 de xuño


12 xuño 2018
Visitas Teatralizadas Castelo de Sobroso

A Deputación de Pontevedra esgotou en pouco máis de dúas horas as prazas dispoñibles para as catro visitas teatralizadas ao castelo de Sobroso, que se van desenvolver este sábado 16 e o domingo 17, así como o venres 29 e o sábado 30 de xuño. O proceso de inscricións abriuse ás 11 horas de hoxe na páxina web de Turismo Rías Baixas e en dúas horas cubríronse todas as prazas.

Ademais, desde primeira hora da mañá de hoxe, os dous teléfonos dispoñibles 886 211 700 e 618 320 033, estiveron atendendo múltiples chamadas de persoas interesadas para consultar dúbidas e obter información adicional.

As visitas teatralizadas diríxense ao público familiar e van xirar arredor de dúas figuras con historia no castelo: Dona Urraca, que estivo presa en Sobroso e fuxiu por un pasadizo, e Pedro Madruga, quen reconstruíu o castelo despois das revoltas irmandiñas. O obxectivo é achegar, sobre todo aos máis novos e novas, a historia de Galicia dun xeito ameno e divertido, así como amosar a natureza e a paisaxe do castelo de Sobroso podendo gozar dunhas incomparables vistas do val do Tea desde as terrazas da fortaleza.

Así mesmo, durante a visita teatralizada, as persoas participantes poderán realizar tamén a senda ambiental "Senda do Bosque Atlántico", unha proposta diferente posta en marcha para poder coñecer a historia do castelo e da súa natureza a través de códigos QR que os e as visitantes poden ir descargando no seu percorrido.

Estas visitas teatralizadas enmárcanse dentro da estratexia da Deputación de posta en valor do castelo de Sobroso e dentro da campaña "Somos historias" que dedica o mes de xuño ao patrimonio inmaterial. Perséguese así o obxectivo de converter o castelo de Sobroso noutro importante foco de atracción de visitantes, ao igual que o castelo de Soutomaior, no que este tipo de actividades foi un absoluto éxito.


Novas relacionadas