Noticias

A Deputación abre o prazo para inscribirse na Depoandaina do castelo de Sobroso

A ruta, que sairá de Mondariz, terá lugar o vindeiro 8 de xullo e as inscricións, cun límite de 300 prazas, estarán abertas ata o mércores 4 de xullo


11 xuño 2018
Depo Andaina Sobroso

A Deputación de Pontevedra abriu esta mañá, ás 9:00 horas, o prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar na terceira quenda do programa gratuíto Depoandainas, unha nova ruta que terá lugar o domingo 8 de xullo, que sairá do Concello de Mondariz e chegará ata o castelo de Sobroso.

Esta Depoandaina ten unha dificultade media-alta e o seu percorrido será de 14 quilómetros. O prazo permanecerá aberto, cun límite de 300 prazas, ata o vindeiro mércores 4 de xullo .

Como actividade complementaria, esta ruta contará cunha pequena charla da historia do castelo de Sobroso, a súa orixe e a súa importancia nesa época, os momentos claves da súa existencia e algunha das batallas libradas. Ademais, no castro de Troña veremos unha pequena parte da vida neste antigo asentamento.

A terceira cita das Depoandainas ten como punto de saída a casa do concello de Mondariz. Desde aí, as persoas participantes dirixiranse cara á zona de Castro Laredo, onde enlazarán cun tramo da ruta do río Xabriña, por riba do Escobeiro, ata chegar a unha ponte onde xa comeza a subida ao castelo de Sobroso. No recinto do castelo farase unha pequena ruta guiada e a súa historia. Alí, as panorámicas que se contemplan farán esquecer o esforzo da subida. Unha vez abandonado o castelo de Sobroso, a andaina sairá pola cara oeste do monte Landín, tamén afectado polos incendios de 2017. Este camiño levará as persoas participantes ata o interesante castro de Troña e en dirección a Mondariz-Balneario, onde tomarase parte da ruta do Tea para volver ao punto de saída.

Esta Depoandaina contará cun aparcadoiro na parte de abaixo do concello, cerca do campo de fútbol e do colexio.