Noticias

Escolares de Verducido visitan o centro de compostaxe de Monte Porreiro

As pequenas e os pequenos realizaron ao longo do curso diferentes actividades organizadas dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra


29 abril 2017
Escolares de Verducido

O alumnado da EEI de Verducido participou esta semana nunha visita a un dos centros de compostaxe comunitaria de Pontevedra dentro das actividades escolares organizadas ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. Alí, un mestre composteiro explicoulles o funcionamento do composteiro e coñeceron como o lixo orgánico das casas se vai transformando en compost logo dun proceso que dura entre catro e cinco meses baixo a vixianza técnica de profesionais.

As nenas e nenos de Verducido xa participaron ao longo do curso en diferentes obradoiros vencellados coa compostaxe. Un deles levaba o título "Quen vive aí?", grazas ao que as pequenas e os pequenos descubriron a vida interior dos composteiros identificando os invertebrados que habitan nos centros de compostaxe e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos, sendo parte fundamental do proceso para obter o compost.

Esta actividade de identificar os vermes realizouse analizando diferentes mostras de compost (en varios estados de maduración) que as monitoras e os monitores achegaron ata o centro. Alí, as nenas e nenos puideron estudar facilmente os distintos tipos de bichos coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os animais–, e observándoos con material de aumento e chaves dicotómicas. Logo desas clases na aula, durante esta semana puideron comprobar in situ, en plena rúa, como funciona un composteiro de grandes dimensións.

A intención destas actividades escolares do Plan Revitaliza da Deputación é concienciar ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Este programa educativo da Deputación de Pontevedra estase a levar adiante xunto co Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza. Os colexios, ademais das actividades que se desenvolveron en Verducido, poden solicitar tamén outro tipo de obradoiros tales como Xogos sobre Residuos, Poñendo en Marcha o Composteiro, A Voltas coa Compostaxe dirixidos a outras idades do alumnado, así como unha exposición itinerante.

A Deputación de Pontevedra, co Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de centros comunitarios de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe como sistema de xestión de lixo.