Noticias

#Escolamaríavinyals alcaldesas e xornalistas pechan a primeira xornada do I Encontro Nacional de Políticas Públicas

As rexedoras de Santa Coloma de Gramanet, Tomiño e Meis, xunto á ex directora do Instituto das Mulleres, Silvia Buabent, detallaron as iniciativas nos seus concellos. "A política municipal é capaz de poñer o foco nas mulleres"


14 outubro 2021
Mesas alcaldesas

A denuncia, a reivindicación e as iniciativas en favor da igualdade en diferentes concellos do estado protagonizaron as dúas mesas de debate coas que rematou esta tarde a primeira xornada do I Encontro Nacional de Políticas Públicas que, organizado pola Deputación, se celebra ata o mediodía do venres na Escola María Vinyals no Castelo de Soutomaior. "O bo da política municipal é que é capaz de poñer ás mulleres no centro de atención". Esta frase da exdirectora do Instituto das Mulleres e exconcelleira de Fuenlabrada, Silvia Buabent, foi plenamente compartida esta tarde na mesa sobre "Políticas Públicas Locais" que protagonizaron, amais de Buabent, as alcaldesas Núria Parlon de Santa Coloma de Gramanet, Sandra González de Tomiño e Marta Giráldez de Meis, mesa moderada pola xornalista do Diario de Pontevedra, María Varela.

As relatoras explicaron os distintos proxectos que desde os seus ámbitos municipais estanse a levar a cabo en defensa da igualdade e para visibilizar ás mulleres como o caso da CIBA, ou "fábrica da igualdade", que xa funciona en Santa Coloma de Gramanet como centro de atención ás mulleres, "non só para recibilas, como dixo a alcaldesa Núria Parlon, senón como centro integral no que reciban a atención adecuada e que aporten ideas para transformar a cidade o que reverte na mellora da economía da cidade". Parlon falou deste centro como "unha habitación propia" onde, amais de atención digna ás vítimas de violencia machista, estase a realizar un intenso traballo nos eidos da formación, sensibilización e onde se proxecta unha cátedra de políticas feministas. Silvia Buabent fixo fincapé na necesidade de que as políticas de igualdade municipais estean dotadas de recursos económicos, "porque sen diñeiro non facemos nada", e de recursos "humanos especializados, se son feministas mellor que mellor". "E logo os espazos son primordiais, estamos acostumadas a conformarnos con todo e acabouse, debemos reclamar os nosos espazos, porque a rúa tamén é nosa, pero os espazos institucionais igual", engadiu. Para a exdirectora do Instituto das Mulleres, "as políticas feministas teñen que servir para que as mulleres se sintan protagonistas, que ocupan o seu espazo, que non son máis nin menos que ninguén, e que a cidade tamén é súa".

As alcaldesas de Tomiño e Meis, as primeiras mulleres en presidir estes dous concellos, incidiron na dificultade que teñen os municipios de menor tamaño para dispoñer de recursos e abordaron o esforzo que están a levar a cabo para poñer en marcha iniciativas a prol da igualdade. Sandra González subliñou que "hai que seguir poñendo as gafas violeta para facer política" e resumiu en tres liñas a labor que está a desenvolver o seu concello: visibilización, transversalidade e a posta en marcha da Oficina de Igualdade. Incidiu no feito de que as mulleres rurais, que por exemplo supoñen o 80% da man de obra nos viveiros, "antes non existían e o noso obxectivo é poñer o foco nelas para que a sociedade as vexa".

Pola súa banda, Marta Giráldez lembrou as moitas vicisitudes que viviu coa súa chegada á alcaldía de Meis, tamén antes como concelleira da oposición, e incidiu na importancia dos Servizos de Axuda no Fogar como forma de desafogo "para que as mulleres teñan tempo para saír de casa e dedicarse ao traballo que queiran". Giráldez alertou "que queda moito por facer, por exemplo en colectivos como as comunidades de montes que son o noso campo de batalla, porque non entra nin unha muller nin como vocal; pero esperamos conseguilo e que unha muller sexa incluso presidenta".

A realidade nos medios informativos

A necesidade dunha axenda feminista na comunicación e a denuncia da desigualdade na información centrou as intervencións de Ana Bernal Treviño, María Xosé Porteiro e Emelina Fernández. A profesora de Comunicación Audiovisual e expresidenta do Consello Audiovisual de Andalucía destacou que "a opinión xerada inflúe na percepción das cousas e basta con crear un clima de opinión para que a maioría acabe condicionada por el". Neste eido, denunciou que os medios "proxectan unha imaxe das mulleres estereotipada, sexualizada, que non se corresponde coa realidade que vivimos as mulleres" e isto, segundo Emelina Fernández, ten moito que ver coa "enorme desigualdade que se produce no campo da comunicación e do que se deriva que a narración do que acontece na sociedade sega espallando os estereotipos e que o que acontece ao noso arredor permaneza nesgado polo patriarcado". Fernández, que denunciou o tratamento dalgúns medios de casos como o de Diana Quer, "absolutamente insoportable", tamén remarcou con respecto ás políticas públicas, que en canto aos medios de comunicación é preciso "ter unha autoridade competente, un Consello do Audiovisual a nivel nacional que se dedique ao que marca a lei, a velar para que se cumpran as leis da comunicación, polo importante papel que esta ten para a sociedade".

Pola súa banda María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coincidiu na necesidade de "avaliar e regular o que está enchendo de borralla as cabezas de xente nova", e na urxencia de que as mulleres que traballan nos medios "se asocien, se xunten, e nos axuden a impulsar unha axenda feminista na comunicación". A xornalista destacou o papel que está a desenvolver o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega ou a Deputación de Pontevedra, que está a poñer en marcha políticas públicas que inciden na comunicación como as iniciativas para visibilizar a mulleres escurecidas no pasado, a posta en valor das mulleres xornalistas que opinan ou poñendo en valor ás mulleres do cine. Tamén subliñou a necesidade de "coñecer como os medios nos teñen que servir ás mulleres como altofalantes tendo en conta a conciencia de repeler, e tomar medidas contra a guerra que hai contra as mulleres".

Finalmente, Ana Bernal Triviño, profesora da Universidade Aberta de Cataluña e xornalista, subliñou que para convencer á cidadanía da necesidade de impulsar políticas de igualdade precísase aos medios de comunicación porque son os que xeran a opinión pública e logran convencer de que estas políticas son necesarias. A xornalista remarcou que é normal que unha importante porcentaxe de mozos pensen que a violencia de xénero non existe tendo en conta o que sae nos medios de comunicación, onde se atopa "o discurso machista". Por iso incidiu en que a igualdade comeza na redacción e na importancia de combater a desinformación e os bulos. Bernal tamén falou de outras cuestións que inciden directamente nas políticas públicas no ámbito da comunicación como o negacionismo, a violencia mediática ou a institucional e a ridiculización do feminismo contra os que se debe loitar dende dentro e fóra das redaccións, impulsando formación laboral e universitaria no ámbito da igualdade, ampliando o concepto de medio de comunicación e impulsando unha política que garanta a calidade da información.

A xornada do venres

Mañá venres o encontro, que comezará ás 10.00 horas, pecharase con dúas mesas de debate. A primeira versará sobre as políticas de igualdade no sistema xudicial que protagonizarán a catedrática de Derecho Constitucional da Universidade de Málaga, María Luisa Balaguer; a maxistrada especialista en violencia de xénero, Paz Filgueira a e directora do Instituto Balear da Muller, María Durán. A segunda mesa, ás 12.00 horas, tratará sobre as propostas de políticas de igualdade do movemento feminista, coa presenza de Marta Cárdaba do V Foro de Política Feminista; Lidia Fernández, Doutora en Estudos Interdisciplinares de Xénero; Concha García, Voceira da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia; e Lupe Ces, activista feminista.

Fotos