Noticias

Ermelo estrea praza cun acto veciñal no que se pon en valor a historia desta parroquia e do concello de Bueu

A praza da contorna da igrexa acolleu un evento lúdico e cultural con música, baile tradicional e a presentación do libro "Travesía por tres momentos da historia de Bueu"


20 xullo 2017
Praza Ermelo

A veciñanza de Ermelo gozou esta mañá dunha cita lúdica e cultural con motivo da inauguración da actuación que se realizou na contorna da igrexa da parroquia, dando lugar a un espazo no que convive de xeito harmonioso o tráfico rodado e unha zona de lecer e encontro para os veciños e as veciñas. O acto, que comezou ás 12 da mañá, tivo como prato forte a presentación do libro "Travesía por tres momentos da historia de Bueu", e estivo presidido pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e polo alcalde de Bueu, Félix Juncal. 

A festa veciñal comezou coa música da banda Xonxas, un trío feminino que fusiona o folclore con outros ritmos como o jazz ou a música lixeira, e continuou coas intervencións institucionais ao redor da presentación do libro sobre a historia de Bueu. O deputado provincial de Cultura e Lingua, e tamén concelleiro de Bueu, Xosé Leal, foi o encargado de dar a benvida e realizar a primeira das intervencións. O deputado centrouse na importancia da posta en valor do patrimonio afirmando que "o noso patrimonio é un valor do máis salientable e non debemos esquecer nunca esa época na que Bueu foi unha referencia". Indicou ademais que "Bueu tivo unha relevancia ao longo da historia sempre vinculada ao mar, pero  tampouco debemos deixar de lado a relevancia do alto de Ermelo, ese cerne do Morrazo a través do cal se pode aínda ver nas pedras do seu mosteiro o devir da vila durante a Idade Media". Tras a intervención dun dos autores do libro Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, que falou dos apartados referidos á parroquia, foi a quenda da presidenta da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva referiuse en primeiro lugar ao contido do libro asegurando que "é necesario sacar á luz e poñer en valor a nosa historia, o noso pasado, aquelo que fomos, porque é un xeito de descubrir o que somos na actualidade e o que podemos chegar a ser". A presidenta aproveitou ademais para amosar o apoio do ente provincial á posta en valor do patrimonio da provincia afirmando que " nesta tarefa, sempre contaredes co apoio da Deputación de Pontevedra, desde a que estamos a traballar tanto para conservar toda a nosa esencia como para proxectala e impulsar novas políticas que permitan democratizar o acceso á cultura e promover o valor histórico e cultural da provincia."

Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, pechou a quenda de intervencións institucionais lembrando que o espazo no que se atopaban "antes non había máis que unha vía e era un espazo infrautilizado e de escaso uso público". O alcalde puxo en valor a obra realizada, que contou con financiamento da Deputación de Pontevedra, asegurando que "con esta actuación transformamos esta contorna nun espazo que restaura a dignidade de Ermelo". Juncal tamén se referiu ao pasado da parroquia indicando que "esta é unha aldea que tivo moita importancia na nosa historia, porque Ermelo foi crucial no Bueu medieval e despois permaneceu moito tempo esquecida, e pensamos que  esta actuación lle devolve a dignidade e restaura ese esquecemento secular".

Tras as intervencións institucionais procedeuse á colocación dunha placa, que deu paso á actuación de baile tradicional Trébede. Finalmente a cita rematou cunha sesión vermú.

A historia de Bueu recollida nun libro

"Travesía por tres momentos da historia de Bueu" é un traballo editorial impulsado pola Asociación Cultura para o Debate Ricardo Gómez Buceta, e publicado polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. O libro recolle a historia deste concello a través de tres grandes apartados. O primeiro deles leva por título ‘O mundo da pesca no antigo Bueu. Algunhas notas históricas e arqueolóxicas" e é autoría de Fructuoso Díaz García. O segundo titúlase ‘O Mosteiro de Santiago de Ermelo: a primeira memoria en pedra de Galicia" e corre a cargo de Miguel Romaní Martínez e Pablo S. Otero Piñeyro Maseda. O terceiro céntrase no mundo da salga baixo o epígrafe ‘A industrialización de Bueu: a salga e a pesca de sardiña nos séculos XVIII e XIX' e o autor é Xosé Manuel Cerviño Meira. Este apartado está complementado por Arturo Sánchez Cidrás que elabora unha compilación de todas as salgas do concello de Bueu. Todo o volume está coordinado por Salvador Castro Otero, que ademais é o autor do prólogo.

Na presentación interviu Pablo S. Otero Piñeyro Maseda por ser un dos co autores do apartado dedicado a Ermelo. Otero Piñeyro Maseda ten participado, xunto con Miguel Romaní Martínez, na elaboración de monografías e coleccións diplomáticas, entre a que destaca a dedicada ao antigo Mosteiro de Santiago de Ermelo. No libro realizan un itinerario a través das pegadas históricas sobre Mosteiro –desaparecido a día de hoxe, xa que só se conserva a igrexa monástica-, como son as inscricións que se conservan na cabeceira da igrexa, a inscrición da lauda sepulcral do cabaleiro Iohannes Nunici, as notas históricas recollidas en diversas crónicas da Idade Media, ou os datos e a documentación que dan idea do patrimonio do Mosteiro e dos seus coutos xurisdicionais e dereitos sobre os seus vasalos.  Pablo Otero Piñeyro Maseda, que desenvolveu a maior parte da súa carreira investigadora no CSIC,  está especializado na área de Ciencias e Técnicas Historiográficas e, en particular, na localización, identificación, análise e transcrición de fontes epigráficas e heráldicas dos séculos XIII ao XVI.

Fotos


Novas relacionadas

libro

20 xullo 2017, bueu, xosé leal, deputación de pontevedra, felix juncal, fructuoso díaz garcía, miguel romaní martínez, presentacion libro bueu