Noticias

A praza de Ermelo acolle a presentación dun libro sobre a historia de Bueu no día da súa inauguración oficial

Será nun acto institucional que terá lugar o vindeiro domingo día 23 e que estará presidido polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal


20 xullo 2017
libro

A praza de Ermelo, no Concello de Bueu, estrea nova fisionomía grazas ás obras de remodelación e acondicionamento financiadas pola Deputación de Pontevedra na contorna da igrexa desta parroquia. Este espazo, que permite a convivencia entre o tráfico rodado para acceder ás vivendas deste núcleo urbano e unha zona de lecer e encontro para a veciñanza, será inaugurado oficialmente o vindeiro domingo ás 12 horas, nun acto que estará presidido pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e polo alcalde de Bueu, Félix Juncal.

A cita, dirixida fundamentalmente á veciñanza da parroquia, inclúe ademais a presentación do libro Travesía por tres momentos da historia de Bueu, editado polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación. O programa complétase con actuacións musicais a cargo da banda Xonxas, un trío feminino que fusiona o folclore con outros ritmos como o jazz ou a música lixeira; coa actuación de baile tradicional da agrupación Trébede; e finalizará cunha sesión vermú.  

Travesía por tres momentos da historia de Bueu ve a luz grazas ao traballo da Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta, entidade encargada de impulsar a edición deste volume. O libro recolle a historia deste concello a través de tres grandes apartados: a época que abrangue desde os primeiros achados arqueolóxicos ata os asentamentos romanos, a influenza do mosteiro de Ermelo na contorna, e a industrialización a través da salga e a transformación que conlevaron para a economía desta área. Nesta "travesía" participaron os autores Fructuoso Díaz García, Miguel Romaní Martínez, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, Xosé Manuel Cerviño Meira e Arturo Sánchez Cidrás, coa coordinación de Salvador Castro Otero.

Na presentación do vindeiro domingo está previsto que interveña Pablo S. Otero Piñeyro Maseda por ser un dos co autores do apartado titulado O Mosteiro de Santiago de Ermelo: a primeira memoria en pedra de Galicia. Otero Piñeyro Maseda ten participado, xunto con Miguel Romaní Martínez, na elaboración de monografías e coleccións diplomáticas, entre a que destaca a dedicada ao antigo mosteiro de Santiago de Ermelo. No libro realizan un itinerario a través das pegadas históricas sobre Mosteiro –desaparecido a día de hoxe, xa que só se conserva a igrexa monástica–, como son as inscricións que se conservan na cabeceira da igrexa, a inscrición da lauda sepulcral do cabaleiro Iohannes Nunici, as notas históricas recollidas en diversas crónicas da Idade Media, ou os datos e a documentación que dan idea do patrimonio do mosteiro e dos seus coutos xurisdicionais e dereitos sobre os seus vasalos. Pablo Otero Piñeyro Maseda, que desenvolveu a maior parte da súa carreira investigadora no CSIC, está especializado na área de Ciencias e Técnicas Historiográficas e, en particular, na localización, identificación, análise e transcrición de fontes epigráficas e heráldicas dos séculos XIII ao XVI.

Fotos