Noticias

A Deputación e o Concello de Vigo inician a humanización da estrada de Porto-Beade que a veciñanza levaba agardando desde hai 50 anos

Carmela Silva: "Falamos dun proxecto de 3,5 millóns de euros que cambiará radicalmente todo o contorno porque, cando rematemos as obras, ninguén poderá recoñecelo"


07 febreiro 2020
obras de humanización da estrada provincial PO-2001, no tramo de 2,4 K

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo puxeron hoxe en marcha as obras de humanización da estrada provincial PO-2001, no tramo de 2,4 Km comprendido entre o regato de Quintián e a rúa Ramiro Pascual, no lugar de Porto (Beade). O acto institucional, que consistiu no soterramento dunha "urna do tempo" e ao que asistiron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu comezo a uns traballos que se prolongarán durante 18 meses e supoñerán un investimento total de 3.457.005 euros.

A actuación, definida por Carmela Silva como a máis importante das que está a realizar a Deputación, finánciase no marco dun convenio no que a entidade provincial achega o 70 % (2.419.903,50 euros) e ao Concello lle corresponde o 30 % restante (1.037.101,50 euros). Coa humanización en marcha, a estrada quedará parcialmente convertida nunha moderna rúa de alta calidade residencial e traspasaráselle ao Concello de Vigo.

As autoridades, incluíndo deputadas e deputados provinciais, concelleiras e concelleiros e dirixentes veciñais, participaron no soterramento da urna no lugar preparado ao pé do cartel de obra. No interior depositáronse exemplares do día de varios xornais, incluídos os dixitais, así como unha memoria USB co proxecto técnico, moedas de curso legal e, finalmente, unha acta de comezo das obras, asinada por todas as persoas presentes.

"Estamos facendo un cambio radical en todas as infraestruturas provinciais, e esta hai que poñela moi en valor", destacou a presidenta da Deputación na súa intervención. Carmela Silva explicou que se trata dunha obra moi custosa "nun lugar que estivo abandonado durante 50 anos". Lembrou que a veciñanza levaba décadas reclamando seguridade viaria e que houbese rúas para que as e os viandantes puidesen ocupar o espazo público. "E neste tempo", denunciou, "só atoparon silencio" por parte da Administración titular da estrada. "Durante 50 anos a Deputación de Pontevedra nunca tivo na súa mente facer esta obra, e cando nós comezamos a gobernar foi a primeira que pediu o alcalde de Vigo, quen consideraba intolerable que esta vía provincial estivese na situación na que estaba".

Silva tamén tivo palabras de agradecemento para a presidenta da asociación veciñal, Fina Barreiro, e o seu vogal, Gonzalo Martínez, que xogaron un papel moi activo dialogando coa veciñanza e acadando a cesión dos terreos necesarios. "Foi moi complexo e foron persoas imprescindibles para conseguir que se fixese esta obra, e así, dentro de 18 meses, non vai haber quen recoñeza este contorno". A maiores, adiantou que a Deputación xa está a traballar nun proxecto conxunto para o trazado da totalidade da estrada e anunciou o seu desenvolvemento neste mandato.

Humanización da estrada de Porto-Beade

Pola súa banda, Abel Caballero recalcou que o de hoxe é "un día de ledicia para Vigo". "As cidades fanse atendendo todo o territorio; estamos facendo un Vigo novo, e nese Vigo novo queremos que todos os lugares se incorporen ao avance e ao progreso". "Esta estrada de Porto", continuou, "demandaba dunha forma extraordinariamente importante a súa humanización". Caballero remontouse á súa primeira etapa na Alcaldía, hai 13 anos, para lembrar que sempre obtivo unha "negativa absoluta da Deputación" a esta obra. "Nunca tomaron en serio a importancia desta estrada, o que significa como vehículo de crecemento, de desafogo e de comunicación". O alcalde defendeu que a veciñanza que reside ás beiras da estrada de Porto ten "exactamente os mesmos dereitos" que a que habita en rúas coma a de Rosalía de Castro ou García Barbón. "Por iso, tan pronto como cambiou a presidencia da Deputación, asumimos de forma conxunta a humanización e toda a reforma dunha obra certamente significativa en termos económicos".

O primeiro edil da cidade agradeceulle a Carmela Silva a súa disposición para abordar este tema, "coma tantos outros", e sumouse ás felicitacións á asociación veciñal "polo seu esforzo permanente". De feito, detívose especialmente neste punto para engadir: "Sei que houbo desconfianzas, problemas... e que algunhas e algúns, que sempre son os mesmos, dicían ‘é mentira e non o van a facer'; pensaban que nós eramos iguais, pero non o somos". Como remate dedicoulle un recoñecemento expreso a David Regades, exconcelleiro, exdeputado e actual delegado da Zona Franca, quen tamén participou de xeito moi activo na xestión dun "convenio complexo".

O proxecto que se comezou a executar hoxe divide os 2,4 km da actuación en dúas zonas ben diferenciadas polas súas características actuais. A primeira, situada entre a rúa Ramiro Pascual e o número 77 da vía, ten 12 metros de anchura e beirarrúas. O segundo sector, actualmente sen urbanizar, ten unha traza moi sinuosa e de escasa visibilidade. Ademais, conta cunha anchura variable de só 7 metros de máximo e sen espazo peonil, polo que implica un serio perigo para as e os viandantes.

Unha vez rematadas as obras, todo o ámbito terá unha anchura mínima de 12 metros, que chegará ata os 16 na zona central da actuación, ao seu paso polo núcleo de Quintián. Dispoñerá, ademais, de beirarrúas a ambos os dous lados, un pavimento renovado e unha nova rede de iluminación pública, así como de novos servizos soterrados de abastecemento de auga, unha rede separativa de saneamento, rega e bocas de incendios de emerxencias. Os espazos peonís estarán complementados por zonas verdes máis amplas, con moderno mobiliario urbano, varios pasos peonís e paradas funcionais de autobús. Ademais, executaranse os necesarios muros de contención de terras e construiranse novos peches dos predios laterais.

Fotos

Vídeos