Noticias

Berro unánime en Vigo contra a violencia machista dunha vintena de artistas no arranque da IV edición de "Mulleres en acción. Violencia zero"

Carmela Silva dedicou a súa intervención a nomear as 53 mulleres asasinadas no que vai de ano, "unha vergoña social, unha lacra insoportable que non podemos aguantar máis"


23 novembro 2018
Mulleres en Acción Violencia Zero

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistiu esta tarde, no salón de actos do MARCO, á posta en marcha da cuarta edición do programa "Mulleres en acción. Violencia zero" impulsado pola institución provincial. O acto, que tivo lugar en Vigo con motivo do #25N Día Internacional Contra a Violencia Machista, estivo protagonizado por unha acción colectiva de máis de 20 mulleres artistas que xa participaron nas tres edicións anteriores, e rematou con Nosotras, a peza inaugural deste novo ciclo que correu ao cargo da recoñecida autora Nieves Correa.

Unha emocionada Carmela Silva dedicou a súa intervención a lembrar, un por un, os nomes das 53 mulleres asasinadas en España no que vai de ano, unha relación de crimes que cualificou como "unha vergoña social, unha lacra insoportable que non podemos aguantar máis". A presidenta provincial, que fixo subir ao escenario a todo o equipo de Igualdade da Deputación, as de "Violencia zero" e ás artistas que definiu como "mulleres bravas herdeiras doutras galegas silenciadas que tanto apostaron á sociedade", sinalou que a igualdade e a máxima prioridade da acción política da institución y tras ler os nomes das mulleres asasinadas, só preguntou "son necesarias máis palabras?"

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, fíxose eco dunha das frases das artistas, "nunca seremos libres mentres haxa unha muller sometida", e lembrou ás 200 nenas e nenos que hoxe en Vigo "clamaron contra as violencias machistas". Caballero felicitou á Deputación por ser un referente na loita pola igualdade, pero tamén alertou que "aínda que estamos na ruta, o camiño pode ser lento e os avances pódense converter en retrocesos polo que hai que estar moi atentos". "Non hai nada máis terrible que a violencia dun home sobre unha muller e nesa loita sempre estaremos en Vigo o tempo que faga falta".

O arranque desta nova edición de "Violencia zero" contou coa participación de máis dunha vintena de mulleres artistas que, nos tres anos do programa, desenvolveron accións artísticas nos concellos da provincia. Para mostrar a súa repulsa á violencia machista, as participantes realizaron unha intervención conxunta que consistiu en escribir, con rotulador permanente nunha cinta de satén, unha frase cunha mensaxe positiva. Dita frase estaba relacionada coa peza que desenvolveron para "Violencia zero" e coa repulsa á violencia machista. Despois, unha a unha, subiron ao escenario, leron as mensaxes para o auditorio, fixeron un semicírculo e ataron cada unha das cintas ata formar unha cadea ao grito de "Violencia zero".

Despois desta unión de forza e arte, Nieves Correa tomou o relevo. A artista madrileña converteu a súa acción Nosotras na primeira performance da IV edición do programa. Co acento posto no rexeitamento á violencia e na posta en valor da muller, a actuación centrouse na imposibilidade de "facer e desfacer" e na dificultade que entraña "conseguir que algo que está desfeito por un proceso de violencia volva ao seu estado orixinal". Correa foi lanzando polo corredor do auditorio un número indeterminado de mazás que foron rodando ata o escenario. Alí, cun coitelo, foinas cortando e, posteriormente, intentounas reconstruír cunha goma.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero e de repulsa contra a violencia machista. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Salceda de Caselas, Ponteareas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).

Nas catro edicións do programa da Deputación son máis de 1oo artistas as participantes e 85 accións desenvolvidas nos concellos da provincia.