Noticias

Deputación e Concello de Lalín presentarán o día 2 de outubro na capital do Deza a nova campaña de potenciación do viveiro

A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Rafael Cuiña, pecharon hoxe en Pontevedra una ampla batería de iniciativas destinadas a promover o emprendemento nas instalacións


20 setembro 2017
Viveiro de empresas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, decidiron hoxe, nunha reunión no Pazo provincial, a presentación o próximo 2 de outubro dun ambicioso programa de actuacións para seguir potenciando as instalacións do viveiro. A presentación, que terá lugar no concello do Deza, incluirá medidas relacionadas coa difusión, actividades cos colectivos empresariais e comerciais, emprendemento, ou actuacións de coworking, entre outros. Todo o plan de acción será definido en colaboración co Concello de Lalín e posto en marcha de xeito conxunto.

A reunión de este mércores foi solicitada onte polo alcalde de Lalín e nela, ademais de pechar a data do día 2, acordouse definir entre ambas as partes todas as accións a desenvolver para as que se convocará a axentes empresariais e sociais da capital do Deza. O propio alcalde Cuiña se reunirá de forma inmediata cos emprendedores e emprendedoras do viveiro para recoller aquelas suxestións o melloras que queiran propor, e que se avaliarán na reunión do 2 de outubro, a fin de ter en conta as súas demandas.

Tras a conversa con Rafael Cuiña, a presidenta provincial Carmela Silva insistiu en que "esta é a miña forma de entender a política e una vez máis quero agradecer a lealdade institucional de gobernos como o do Concello de Lalín, e do seu alcalde, que fai propostas en positivo para traballar xuntos dun xeito que favoreza todo o posible ás veciñas e veciños. Estou convencida, engadiu, en que faremos un bo traballo que redundará aínda máis no desenvolvemento do viveiro. O noso compromiso é total desde a Deputación como xa dixen o día que estivemos en Liñares".

Pola súa banda, o alcalde de Lalín agradeceu "a inmediata resposta da presidenta da Deputación na procura de solucións que permitan potenciar o viveiro de empresas e dar cobertura ás necesidades reais dos emprendedores da zona". Rafael Cuíña amosou o seu convencemento de que "as permanentes canles de colaboración e o bo entendemento que mantén o Concello de Lalín co organismo provincial servirán para facer do viveiro unha ferramenta realmente útil e eficaz para contribuír a dinamizar a economía local, e en consecuencia a de toda a provincia, e tamén para favorecer a creación de emprego".

Por último, o rexedor contrapuxo a rápida resposta que está a dar a Deputación provincial ás necesidades que se lle suscitan desde o Concello de Lalín coa amosada por outras administracións, "como a Xunta de Galicia, que leva meses dando a calada por resposta as nosas reiteradas solicitudes de reunión para analizar a construción do Centro de Alta Resolución". "É a diferencia palpable", conclúe Cuíña, "entre unha administración que pon de relevo ao noso concello e se preocupa polos intereses das nosas veciñas e veciños e outra que discrimina claramente a todos os lalinenses".


Novas relacionadas

Viveiros de empresas

15 setembro 2017, lalín, smartpeme, empresas, viveiro, deputación de pontevedra