Noticias

A Deputación de Pontevedra continúa co plan de potenciación do viveiro de empresas de Lalín

A presidenta xa adiantou, na súa visita ao Deza, unha nova e ampla batería de medidas para a posta en valor das instalacións e expresou a súa confianza na mellora de resultados


15 setembro 2017
Viveiros de empresas

Desde a apertura do Viveiro de Lalín, a Deputación de Pontevedra ten posto en marcha un ambicioso plan para potenciar estas instalacións cun gran programa de actividades, que agora se amplía coa colaboración das asociacións de empresarios e comerciantes do Deza-Tabeirós para o desenrolo e posta en valor destas dependencias a fin de conseguir una maior utilización das mesmas.

O deputado provincial, Carlos Font, cualificou de "indignantes as palabras de José Crespo intentando desacreditar o traballo da Deputación, que desde o principio tivo que empregarse a fondo para intentar corrixir o desastre impulsado polo anterior Goberno do que o propio Crespo foi vicepresidente e impulsor dun proxecto que todo o mundo sabía que non era viable". Font lembrou que "a presidenta, Carmela Silva, xa relatou, no almorzo informativo que mantivo esta semana en Lalín, que a pesar de que o viveiro naceu rematadamente mal, agora mesmo se está xestionando de forma adecuada porque a actual Deputación mantén a súa aposta polo proxecto. De feito, aí están as novas campañas de promoción, os próximos plans de coworking, os incentivos para a localización de novas firmas, a colaboración coas empresas a través dos eventos de SmartPeme e as medidas para facilitar a participación dos e das viveiristas en eventos de emprendemento noutros puntos da provincia". Respecto a que con Rafael Louzán a comarca do Deza-Tabeirós vivía mellor que agora, o deputado sinalou que "si, que todo o mundo sabe o ben que o facía Louzán na provincia, tan ben que agora o están a investigar nos xulgados", engadiu.

A presidenta, Carmela Silva, agradeceu a disposición expresada polo Concello de Lalín e polas asociacións de empresarios da comarca do Deza para novas formulacións de colaboración a fin de incrementar a presenza de emprendedores e emprendedoras no Viveiro. Ademais, a Deputación incrementará a prestación de servizos en colaboración cás e cos usuarios para resolver calquera incidencia nas instalacións.

De feito as persoas viveiristas manifestaron á Deputación de Pontevedra a súa satisfacción por desenrolar os seus proxectos neste viveiro e ofreceron ao Goberno a súa disposición para mellorar a localización de novas empresas. Sobre o custo, tendo en conta que o actual Goberno xa o rebaixou no ano 2016, as e os viveiristas sinalaron que non só están de acordo cos prezos das oficinas senón que lles sorprendeu que foran tan baixos nos postos de coworking.

Tal e como denunciou o novo Goberno provincial desde a súa chegada á Deputación de Pontevedra, todas as dificultades para o funcionamento do Viveiro están relacionadas coa súa orixe. O proxecto levouse adiante sen valoración algunha nin estudos que avalasen a súa construción. De feito, nunca existiu un plan de viabilidade de esta infraestrutura que determinase a súa dimensión, nin a súa distribución ou instalacións. Non houbo estudio de custos que determinase o prezo de construción, mantemento e persoal, nin a súa repercusión sobre o prezo final a ofrecer ás e aos viveiristas.

Tampouco existiu un estudio de mercado que permitira comparar os prezos de aluguer doutras naves sitas no mesmo polígono ou na comarca, que permitira avaliar as posibilidades de saída de este espazo. Nin houbo un estudio de negocio, para determinar as posibles saídas empresariais da zona que permitira a dimensión axeitadamente aos espazos. E mais, debería terse feito, incluso antes de firmar o convenio co Incyde, un estudo de viabilidade e da demanda existente, sendo a clave para poder solicitar a subvención, e valorar se os cartos públicos se investían no viveiro ou en outras necesidades do municipio.

A situación tivo que ser continuamente corrixida polo actual Goberno desde a súa chegada á Deputación, xa que atopou un viveiro con naves dun tamaño excesivo, superficies que superaban as necesidades das empresas, o que implicou un prezo alto pola súa ocupación (as 3 naves teñen mais de 140 m2); e unha distribución non axeitada as necesidades reais, xa que se primou o espazo destinada para naves en detrimento das oficinas, cando son os espazos que máis demanda poden ter para novas e novos empresarios. E máis, ata houbo erros no deseño das fachadas do edificio, cunha estrutura envolvente metálica, que impedía que a sinal de telefonía móbil chegase con claridade o interior, situación que tamén está a arranxar a actual Deputación.

 


Novas relacionadas

Viveiro de empresas

20 setembro 2017, lalín, rafael cuiña, deza, viveiro, deputación de pontevedra, concello de lalín