Noticias

Deputación e Concello atenden a histórica demanda da veciñanza de Arbo coa mellora da mobilidade peonil que porá en valor o barrio do ferrocarril

Carmela Silva: "Esta actuación vai revitalizar unha zona con moita identidade e a vai cambiar radicalmente para darlle máis entidade, cun proxecto baseado nos principios da accesibilidade, a mobilidade amable e en priorizar ás persoas por riba de todo"


06 abril 2021
Mellora do barrio do ferrocarril

Será unha obra que vai revolucionar o histórico barrio do ferrocarril en Arbo, unha das zonas do concello con maior identidade. A intersección na que conflúen as estradas provinciais EP-5202 e EP-5203 neste concello vai ser obxecto dunha ambiciosa actuación de mellora da mobilidade peonil que transformará de xeito integral este contorno e dará resposta a unha demanda histórica da veciñanza. Trátase dun proxecto baixo o modelo do século XXI de mobilidade segura e amable da institución provincial que sitúa ás persoas no centro, como destacaron hoxe na súa presentación a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Horacio Gil, que deron a coñecer a actuación xunto ao deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e representantes da Corporación local.

O proxecto desenvolverase nun tramo de case medio quilómetro entre a zona do contorno da capela de San Antonio e a estación de tren, adaptándose a un contorno singular e aos elementos patrimoniais de valor ao longo do seu trazado. A actuación, que aprobará a Xunta de Goberno da institución provincial este venres 9 de abril para licitala despois de xeito inmediato, terá un orzamento de 663.200 euros, sendo ata a data o maior investimento da Deputación neste concello, e financiarase a través dun convenio entre ambas administracións, no que a provincial asumirá o 70 % e o Concello de Arbo o 30 % restante . As obras terán un prazo de execución estimado de doce meses.

A presidenta, Carmela Silva, destacou que esta actuación "vai revitalizar unha zona con moita identidade, vai cambiala radicalmente e vaille dar máis entidade urbana a ese núcleo, baixo os principios que están a defender a Deputación e tamén os alcaldes e alcaldesas de toda a provincia, que son os baseados na accesibilidade, na mobilidade amable, na seguridade viaria e en priorizar os peóns e peoas". Lembrou que este proxecto foi o primeiro que reclamou o alcalde tras a súa toma de posesión como presidenta "porque era unha das obras que tiña como prioritarias" e amouse confiada de que nun prazo de ano e medio "viremos e o celebraremos, porque hai que celebrar as cousas que permiten avanzar aos concellos". Carmela Silva destacou tamén "o cariño e sensibilidade" co que se elaborou este proxecto, "porque se vai realizar nunha zona onde tamén hai vivendas de alto valor patrimonial, e tamén a igrexa e a estación de Arbo", e fixo fincapé en que se trata dunha zona de importante tradición e dinamismo económico. "Investir en infraestruturas que poñan este concello en valor é tamén aportar para que Arbo siga a ter moito futuro -afirmou-. Así que esta obra é moi relevante. Nós queremos que neste mandato haxa un cambio transcendental na provincia e nos convertamos nunha gran referencia para outras, cunha aposta por ese cambio urbano onde a xente é o primeiro e recuperamos espazo público para a cidadanía".

Pola súa banda, Horacio Gil agradeceu a "sensibilidade e receptividade" da Deputación e das persoas técnicas autoras dun proxecto que constitúe "unha importante mellora nun barrio e nun entorno único, polas súas características arquitectónicas e especialmente pola súa historia". Lembrou que ademais, esta actuación porá en valor "un barrio moi necesitado, porque as ultimas actuacións importantes, dotación de beirarrúas e servizos xa datan dos anos 70, e polo tanto era necesario acometer esa renovación, especialmente das infraestruturas, abastecemento e recollida de pluviais, saneamento e iluminación, que estaban moi deteriorados". Resaltou ademais que con esta obra "convertemos ese contorno nunha zona moito máis amable, sobre todo para as persoas residentes, que son as que máis se van beneficiar", e se potenciará unha área cunha importante actividade económica, xa que "é o barrio tradicional da lamprea con restaurantes emblemáticos". O alcalde concluíu referíndose precisamente ao carácter emprendedor desta zona e a unha das súas figuras, Segundo Gil Dávila, e fixo entrega a Carmela Silva dun libro que recolle a súa historia e á da fundación que leva o seu nome.

O proxecto

Como explicaron as persoas autoras do proxecto, a obra comprenderá dúas zonas de actuación nun tramo de 450 metros. A primeira transcorre no entronque das dúas estradas provinciais, no contorno da capela de San Antonio, que se converterá nunha zona de prioridade peonil na que, ademais de outras actuacións, instalaranse pasos de peóns e peoas elevados para reducir a velocidade dos vehículos que transitan por ela (será dun máximo de  20 quilómetros por hora). Así mesmo, disporá de beirarrúas cun mínimo de 2,5 metros de ancho para enlazar coa zona de convivencia.

Para a segunda zona se habilitará unha zona de convivencia (310 m), desde o entronque das estradas cara a estación de tren de Arbo, na que se levará a cabo unha senda cun ancho mínimo de 2,5 metros e plataforma única na zona de coexistencia de tráfico rodado e peonil, na que peóns e peoas teñan preferencia. Colocaranse tamén alcorques cada 25 metros delimitados por bandas de lousas de granito.

Ademais, melloraranse as redes de abastecemento, saneamento e a iluminación da zona farase co emprego de recursos sostibles apostando pola eficiencia enerxética. Deste xeito, instalaranse 24 luminarias LED e se fará a restauración de 12 unidades xa existentes. 

Fotos