Noticias

A Deputación aproba o proxecto para a mellora da mobilidade peonil no barrio do ferrocarril de Arbo

A esperada actuación ten un orzamento de preto de 670.000 euros


11 abril 2021
A Deputación aproba o proxecto para a mellora da mobilidade peonil no barrio do ferrocarril de Arbo

A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde en Xunta de Goberno á mellora da mobilidade peonil na intersección das EP-5202 e EP-5203, no barrio do ferrocarril do concello de Arbo. Con esta actuación, que ten un orzamento de 663.200 euros, o ente provincial dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza. As obras serán financiadas na súa totalidade pola Deputación a través dun convenio co Concello de Arbo, que aporta o 30 % do orzamento cunha achega do Plan Concellos, e convértense no maior investimento do ente provincial en Arbo ata o momento. Con esta achega a Deputación dá prioridade aos peóns e peoas á vez que favorece a accesibilidade en toda a zona, revalidando así o seu compromiso coa mobilidade amable e sostible e a revalorización do espazo público como un dereito da cidadanía.

As actuacións levaranse a cabo nun tramo de case medio quilómetro situado entre o contorno da capela de San Antonio e a estación de tren e comprenderán dúas zonas de actuación. Nunha delas, no contorno da capela onde entroncan as dúas estradas provinciais, instalaranse pasos elevados de peóns e peoas para darlles seguridade e realizaranse beirarrúas dun mínimo de 2,5 metros de ancho para enlazar coa zona de convivencia proxectada. Pola súa banda, desde o entronque das estradas cara a estación de tren de Arbo habilitarase a devandita zona de convivencia ao longo de 310 metros. Nela levarase a cabo unha senda cun ancho mínimo de 2,5 metros e plataforma única na zona de coexistencia  de tráfico rodado e peonil, na que peóns e peoas terán preferencia.

Grazas a este investimento provincial melloraranse tamén as redes de abastecemento, saneamento e iluminación, apostando polo emprego dos recursos sostibles ao instalar 24 farois LED ademais de restaurar 12 unidades xa existentes.

Vídeos