Noticias

Cuntis pecha o Plan Concellos 2018 coa aprobación das dúas últimas achegas por 62.000 euros

Con este último investimento o Goberno de Carmela Silva financiará a ampliación da rede de abastecemento de auga en Vilabar e obras participativas do 2018


07 decembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante sendas resolucións presidenciais, dúas axudas ao Concello de Cuntis por un valor de 61.924,42 euros para a ampliación da rede de abastecemento de auga no lugar de Vilabar e para obras participativas do 2018. Así, con este investimento o municipio pontevedrés pecha o Plan Concellos deste ano, ao través do cal o Goberno provincial destinoulle 929.208,67 euros, un 73,74 % máis que en 2017.

Este ano, ao través da Liña 1 do Plan Concellos, Cuntis tamén contou co financiamento do acondicionamento da cuberta do pavillón municipal, por importe de 30.000 euros; da eficiencia enerxética, por 5.614,40 euros; da senda peonil de río da Patela, por 38.805,31 euros; do acondicionamento do camiño rural Pista das Moreiras, por 34.500 euros; da mellora do saneamento en Ducio e Portela, por 55.194,69 euros; da mellora dos camiños rurais de Cuntis: de pista O Caeiro-Arcos e pista Trasponte-Cuntis, por 11.496,13 euros; tamén da mellora da pista N640-Vilabar de Abaixo, por 11.497,91 euros; do cambio de cuberta no edificio municipal, por 28.337,72 euros; do acondicionamento do camiño rural no lugar de Trasponte, por 55.000 euros; e do acondicionamento do camiño de acceso ao lugar de Vilar de Mato, por 34.294,88 euros.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 46.016,45 € no que corresponde á liña 2 e tamén outros 122.623,27 € que foron destinados á financiación da contratación de 12 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.


Novas relacionadas