Noticias

Crecente recibe un investimento de 55.000 euros do "Plan Concellos 2017" para reformar a cuberta da pista polideportiva de Filgueira

A institución provincial leva entregado o 77 % do total destinado a Crecente dentro do plan, cun investimento situado en máis de 300.000 euros


17 xuño 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello de Crecente no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará un total de 55.109,83 euros que permitirán realizar unha serie de obras relativas á cuberta da pista polideportiva de Filgueira. Trátase da segunda fase deste proxecto, despois de que a institución provincial achegase máis de 50.000 euros, nesta ocasión ao abeiro do "Plan Concellos 2016", á primeira fase. Nesta segunda etapa finalizarase a estrutura iniciada na anterior, formada por catro pórticos que se suman aos catro xa instalados. Ademais, cubrirase a cuberta cunha chapa de aceiro galvanizado, instalaranse os canelóns e baixantes e substituiranse as lámpadas existentes por proxectores LED.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara 194.268,35 euros a Crecente en liña 1 para a realización de obras de ensanche de viarios e mellora de muros, o muro de acceso ao pavillón municipal, a mellora de muros en diversos lugares da vila (Albeos, Crecente e Ribeira) e para o saneamento de Fillós, en Ribeira, e actuación varias na rede de abastecemento municipal. Á marxe destas achegas, Crecente recibiu outros 20.000,02 euros en liña 2 para o pagamento de gastos correntes dos seus servizos municipais e, finalmente, 87.226,50 euros cos que Crecente puido contratar a 11 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, Crecente xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 77,3 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 301.496,87 euros dun total de 390.000 euros.