Noticias

#COVID-19 Máis de 200 persoas emprendedoras participaron no seminario en liña da Deputación co prestixioso divulgador económico José María O'Kean

Carmela Silva destacou o valor do programa SmartPeme para achegar respostas nun momento de incertezas: "Non podemos esquecer que máis pronto que tarde haberá un día despois e teremos que reorientar o noso sistema produtivo"


14 abril 2020
webinar SmartPeme

O catedrático de Economía e divulgador sevillano José María O´Kean foi o encargado de abrir as sesións webinar (seminarios en liña en formato vídeo) coas que o programa SmartPeme, da Deputación de Pontevedra, pon o seu gran de area para axudar á reactivación do emprendemento na nosa provincia unha vez que conclúa o estado de alarma. O´Kean, que ofreceu unha charla titulada "COVID-19: A crise inesperada. Implicacións económicas e expectativas de saída", animou a aproveitar o período de hibernación para reinventar negocios e empresas no eido do comercio electrónico, buscando as "sensacións" no acto de consumo e apostando pola cooperación e non só pola competencia cos grandes xigantes mundiais do e-commerce.

O seminario en liña, no que participaron máis de 200 persoas emprendedoras adheridas a SmartPeme, comezou coa intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do deputado Gregorio Agís. Silva destacou que resulta evidente que estamos diante dunha crise que carrexa efectos moi negativos sobre o emprego e sobre o noso sistema socioeconómico. Neste sentido valorou o papel de SmartPeme como ferramenta útil para achegarlles respostas ás persoas autónomas e ás pemes nun momento de incertezas. "Non podemos esquecer que máis pronto que tarde haberá un día despois e teremos que reorientar o noso sistema produtivo". Silva concluíu que o mundo se move coas persoas optimistas, ás que cualificou como "o pulmón da saída". "Necesitamos optimistas", engadiu, "para avaliar a situación con realismo e poñer solucións enriba da mesa". Por contra, destacou, as persoas pesimistas "só quedan protestando e agardando a ver que sucede". "Sairemos desta coas capacidades de todas e de todos", concluíu Silva nunha mensaxe de ánimo ao tecido empresarial pontevedrés.

José María O'Kean fixo unha comparanza entre a crise financeira de 2008 e a actual crise sanitaria, destacando que, aínda que as orixes son moi distintas, corremos o risco de que os resultados sexan parecidos. O desenlace, como explicou, vai depender moito das decisións que vaia adoptando a Unión Europea. Non obstante, o experto afirmou que xa está moi claro que a desafección social pola globalización que xa se albiscaba antes da COVID-19 se vai agudizar despois da pandemia.

O´Kean centrou boa parte da súa intervención en animar as e os emprendedores participantes a emprender o camiño da dixitalización nun escenario no que os marketplaces coméronlles gran parte do terreo ás tendas físicas. "Vivimos nun mundo hiperindividualista no que o consumo se fai cada vez máis desde a casa, aproveitando todos os recursos que ofrece a web, e buscando sensacións ademais de produtos". Aconsellou aproveitar as oportunidades de financiamento barato para investir en loxística rápida, captar persoas consumidoras de xeito activo e desenvolver ferramentas para responder e anticiparse ao que demandan. E, ademais, ser moi flexibles coas estratexias de venda, que agora pasan por ofertas personalizadas en función dos desexos, ofertas acumuladas ou produtos complementarios. "No pasado as empresas estaban moi preocupadas polo front office (o que a persoa consumidora ve) e consideraban o back office como algo interno. Agora xa non existe esa separación, e ademais hai que ir a pola clientela. É o momento de investir en recursos tecnolóxicos para ofrecer as sensacións que se demandan e en traballadoras e traballadores cualificados. Xa non se trata só de competir, senón tamén de colaborar, porque a masa crítica importa", concluíu.

Finalmente, o relator abordou o reto macroeconómico que vai supoñer para España a caída do turismo, o sector que substituíu a construción como motor da economía tras a crise de 2008. Na súa opinión, o turismo de interior será a alternativa "porque non van chegar avións con 85 millóns de turistas ao ano". Neste contexto debuxou a oportunidade que se abre para Galicia, que pode seducir cun modelo máis natural e saudable, lonxe das aglomeracións coas que asociamos o turismo de sol e praia do sur e tamén os saturados destinos urbanos.

José María O´Kean é doutor en Economía pola Universidade de Sevilla, executive master en e-business polo Instituto de Empresa e catedrático de Economía da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla desde 1997. É tamén profesor asociado de Entorno Económico e Análise de Países no IE Business School desde 1991.