Noticias

A Deputación abre o prazo para participar na DepoAndaina da ruta fluvial das marismas de Catoira

As persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe ata o vindeiro día 7 de agosto para esta marcha que terá lugar o 11 de agosto


29 xullo 2019
DepoAndainas 2019

A Deputación de Pontevedra abre hoxe, día 29 de xullo, o prazo de inscrición para a segunda das sete DepoAndainas programadas na nova edición desta iniciativa, que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo.

Esta segunda ruta  terá lugar o día 11 de agosto e consistirá nun paseo fluvial polas marismas de Catoira, no que as persoas participantes poderán coñecer lugares de interese como as torres do Oeste e a paisaxe da zona, formada por bosques espesos, marismas e praias fluviais, onde os muíños de vento resultan habituais. É un itinerario só de mañá, no que as persoas inscritas poderán trasladarse á Catoira en autobús (as saídas serán desde a praza de Galicia de Pontevedra e a praza de España de Vigo), e terán un tempo de descanso despois da ruta para que podan afondar nos recursos turísticos da zona. Neste mesmo eido, durante a andaina, tamén se lles achegará información relativa a aspectos do patrimonio cultural e histórico.

Como no resto das DepoAndainas, ofértanse 300 prazas, dirixidas a persoas de toda a provincia, independentemente da súa idade. Ademais, o Concello de Catoira poderá ofertar outras 50 prazas adicionais. As persoas interesadas en participar neste percorrido deberán cumprimentar o impreso de solicitude na páxina web www.depo.gal, con data límite do vindeiro 7 de agosto.

Hai que lembrar que aínda está aberto tamén (finaliza o mércores, día 31 de xullo) o prazo de inscrición para a primeira das DepoAndainas, a ruta pola Fervenza do Toxa no Concello de Silleda, que se celebrará o 4 de agosto.

A programación continuará despois o 18 de agosto, co percorrido polo parque forestal da Illa da Toxa e pola ruta das pasarelas de Pedras Negras no Grove (o prazo abre o día 6) e o 1 de setembro polo parque A Canuda e o paseo fluvial da Illa Fillaboa en Salvaterra de Miño (o prazo de apertura de inscricións abre o 19 de agosto).  A quinta andaina se celebrará o 22 de setembro polo Bosque encantado en Cangas e polas Illas Cíes en Vigo (abre o prazo o 2 de setembro) e xa en outubro terán lugar as dúas últimas rutas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición abre o 23 de setembro) e o 12 pola ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (abre o prazo o 30 de setembro).