Noticias

César Mosquera asegura que "estamos superando as expectativas" na posta en marcha da "Facultade da compostaxe"

O curso de formación para as mestras e os mestres composteiros iniciarase o 1 de febreiro e finalizará o 11 de marzo


23 dec 2015

O vicepresidente, César Mosquera, sinalou hoxe que a Deputación está "superando as expectativas" na posta en marcha da "Facultade da compostaxe", que se creará en Príncipe Felipe para formar os aspirantes a mestras e mestres composteiros. Segundo anunciou, o curso iniciarase o vindeiro 1 de febreiro e finalizará o 11 de marzo logo de seis semanas de instrución intensiva.

Mosquera quixo destacar que o proceso de selección dos aspirantes que xa finalizou deu como resultado "unha escolma de xente moi ben preparada", xa que entre os alumnos hai persoas con mestrados, licenciados e técnicos de FP que demostraron ter maiores coñecementos da materia do que se prevía cando se puxo en marcha a convocatoria das bolsas de emprego. 

Na "Facultade da compostaxe" os 20 candidatos que pasaron o exame e as entrevistas persoais seguirán seis módulos didácticos (Residuos e medio ambiente, Lexislación e normativa ambiental e de residuos, A compostaxe: ciencia e tecnoloxía, Compostaxe práctica: pequena e mediana escala e As recollidas selectivas como elementos clave). Entre o profesorado haberá expertos, tanto nacionais coma internacionais, na materia das tres universidades galegas; representantes de Adega e Amigos da Terra; representantes da Unión Europea, do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, da Generalitat de Catalunya e da Xunta de Galicia; así como técnicos navarros, vascos, austríacos, alemáns e cataláns que falarán da experiencia da compostaxe nos seus territorios. Tamén estarán presentes técnicos da Illa de Arousa e de Piñor (Ourense), onde xa se está a aplicar a compostaxe.

Na parte práctica da formación os alumnos traballarán os refugallos das cociñas e dos comedores de todos os centros de Príncipe Felipe e do Centro Integrado de Formación Profesional de Hostalería Carlos Oroza, dependente da Xunta de Galicia. O lixo orgánico xerado neses dous centros, que poderá chegar aos 150 quilogramos ao día, será tratado en dous composteiros de diferentes características (un estático e outro dinámico) para que os alumnos poidan coñecer as diferentes formas de facer o compost.

Experiencia modelo

A deputada responsable de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, sinalou que o centro educativo asistencial de Montecelo é o escenario perfecto para instalar a "Facultade da compostaxe", xa que conta tanto con aulas e espazos axeitados coma con centros que achegan a "materia prima"-os residuos orgánicos- coa que teñen que traballar as mestras e os mestres composteiros. "Será unha experiencia piloto que dará un impulso á compostaxe", subliñou.

Vilaverde lembrou que en Príncipe Felipe se xeran refugallos das cociñas e comedores nos que comen uns 280 nenos e nenas da escola infantil, dos centros de acollida e do colexio de educación especial.

Pola súa banda, o director do Carlos Oroza, Manuel Hermo, agradeceu á Vicepresidencia da Deputación que "se fixase en nós para levar adiante este proxecto da compostaxe, que, dende o noso centro, vemos como unha oportunidade".

Hermo explicou que participar no Plan Compost provincial permitirá sensibilizar ambientalmente o alumnado do centro (preto de 450 persoas) en favor dunha "gastronomía sostible" e tamén dará unha solución ao problema dos residuos orgánicos. "Temos moitas ilusións postas neste proxecto. Agora a primeira das fases será educar e sensibilizar os alumnos, para o que contaremos co apoio da Deputación provincial", sinalou.

Pola súa banda, o asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, destacou que no momento no que estea en marcha a "Facultade da compostaxe", coa colaboración dos centros de Príncipe Felipe e o Carlos Oroza, a cidade infantil será "unha illa ausente de produción de residuos orgánicos, pechando o ciclo da materia, xa que todo o lixo orgánico que se xere alí se tratará directamente alí". De feito buscaranse aplicacións ao compost dentro das mesmas instalacións como fertilizante dos xardíns ou das hortas urbanas. "Príncipe Felipe será un escaparate extraordinario para facer extrapolacións de como funciona a compostaxe tanto para a cidadanía de toda a provincia coma para restaurantes e grandes produtores", dixo.

Por último, Pérez lembrou que parte dos estudos e análises do compost que se fará en Príncipe Felipe contará coa colaboración dos laboratorios da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), tamén dependente da Deputación de Pontevedra, xa que dispón dos medios técnicos para ver a calidade e madurez do produto. Hai que lembrar que tamén se traballará en colaboración co departamento de Edafoloxía da Universidade de Vigo.

O asesor provincial matizou, por último, que os composteiros que se instalarán na cidade infantil estarán alí de xeito indefinido no caso dos destinados a atender os centros dependentes da Deputación, e durante catro meses no caso do composteiro que dará servizo ao Carlos Oroza, para, tras valorar se funciona ben a iniciativa, realizar o investimento económico definitivo.

É preciso lembrar que as mestras e os mestres composteiros que se formarán na "Facultade da compostaxe" serán os encargados do mantemento dos centros de compostaxe comunitaria que a Deputación de Pontevedra implantará polos concellos de toda a provincia. Os participantes no curso que acaden as dez mellores puntuacións nos diferentes módulos serán os adxudicatarios de bolsas de 1.400 euros mensuais durante un máximo dun ano.

Actualmente está aberto o prazo para que os municipios presenten a súa solicitude á Deputación para recibir os composteiros comunitarios.