Noticias

Carmela Silva visita as obras de rehabilitación da capela de Santa María do Mosteiro, Meis, nas que a deputación investiu 190.000 euros

As obras, rematadas no mes de maio, permitiron solucionar os graves problemas de humidade e recuperar de xeito integral a capela do século XII


01 xuño 2017
Visita a capela de Meis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Meis, José Luis Pérez Estévez, e do párroco, José Antonio Souto, visitou esta mañá a capela de Santa María de Mosteiro, na que a institución provincial investiu preto de 190.000 euros. As obras rematadas no mes de maio, permitiron solucionar os graves problemas de humidade e recuperar de xeito integral este monumento románico.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción por visitar "o remate das obras desta capela, datada no século XII, por tratarse dunha das xoias e monumentos máis representativos do románico na provincia de Pontevedra, que emociona e impresiona". Tamén manifestou a presidenta provincial a necesidade de que "todas as administracións públicas nos esforcemos por rehabilitar e manter o patrimonio cultural para que a pegada dos nosos antepasados sega intacta ao longo do tempo". Neste contexto, o alcalde de Meis puxo en valor "a grande sensibilidade da presidenta da Deputación por conservar e recuperar o noso patrimonio" e engadiu que "toda a veciñanza de Meis lle estamos moi agradecidas e agradecidos por apoiar esta capela, que é unha xoia do noso concello".

O párroco de Santa María do Mosteiro, José Antonio Souto, amosou sentirse "desbordado de ledicia por ter hoxe aquí connosco á presidenta da Deputación, á que lle estou inmensamente agradecido polo tratamento que lle deu a institución á capela". Ademais, o párroco aproveitou a ocasión para solicitarlle a Carmela Silva que a Deputación instale "un enreixado para que as e os turistas que se achegan poidan contemplar esta xoia tamén por dentro". Ao respecto, a presidenta provincial comprometeuse a atender a demanda do párroco e colocar un enreixado na capela.

Carmela Silva tamén informou que a Deputación de Pontevedra vai instalar elementos de sinalización turística para poder visitar o monumento e paneis con información sobre a súa historia. Asemade, a presidenta provincial manifestou o seu interese en integrar este recurso na programación e promoción turística levada a cabo por Turismo Rías Baixas.

As obras financiadas pola Deputación de Pontevedra na capela de Santa María de Mosteiro, Meis, permitiron recuperar tanto o exterior como o interior da capela. Máis polo miúdo realizouse a limpeza de fachadas exteriores, limpeza e consolidación do pórtico de entrada e ábsida, recuperación do campanario, substitución da cuberta completa, restauración das carpinterías exteriores e portas de acceso, mellora da base das fachadas, impulso da accesibilidade no acceso ao interior da capela, instalación de novo pavimento de madeira interior, restauración da antiga porta de conexión coa casa parroquial, limpeza e rehabilitación do teito da ábsida, recuperación da estrutura de madeira do coro, muros de peche e pavimento exterior e instalación eléctrica de iluminación e de son.

No transcurso das obras de rehabilitación da capela de Santa María atopáronse achados significativos como restos de policromía nunha das columnas exteriores (que fai supoñer que toda a ábsida estivo pintada no pasado), marcas medievais realizadas polos canteiros nas cadeiras situadas detrás do altar maior ou incluso a aparición dunha vara de medir nunha parede, a través da cal se definiron as dimensións da capela. Outros dos descubrimentos atopados na substitución da madeira do interior foi a aparición de fustes e bases de columnas que apuntan que a capela sufriu unha remodelación pouco despois da súa construción.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

22 xul 2016, plan concellos, meis, plan ayuntamientos