Noticias

Carmela Silva subliña que a bandeira arco iris é un grito na defensa da diversidade e igualdade de todas as persoas

Por primeira vez na historia a entidade provincial mostrará na súa fachada as cores do Día do Orgullo ata o próximo domingo


28 xuño 2017
Colocación da bandeira arcoiris

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe que colocar a bandeira arco iris na fachada da institución provincial é un "grito na defensa da diversidade e igualdade de todas as persoas" ao que se quere unir todo o Goberno provincial.

De feito a presidenta xunto o vicepresidente, César Mosquera, e os deputados Javier Dios, Chelo Besada, Xosé Leal, Eva Villaverde, Uxío Benítez e Montse Magallanes, despregaron na fachada frontal da Deputación a bandeira arco iris.

Carmela Silva subliñou que esta era a primeira vez que a Deputación mostraba a bandeira na súa fachada "polo que é un día especial para esta Deputación, como outros moitos nos que apostamos pola diversidade e a igualdade, porque todas as persoas teñen que ter os mesmos dereitos. E este é o mensaxe que queremos enviar a toda a cidadanía".

A presidenta incidiu no "compromiso" que a entidade provincial ten na defensa da igualdade de todas as persoas "e a bandeira do orgullo cos seus cores é un grito nesa defensa, porque nos enchemos de dignidade poñéndoa  na fachada".

Pola súa parte, o vicepresidente, César Mosquera, subliñou que "parece mentira" que na sociedade aínda teñamos que estar a facer estes xestos na defensa da igualdade das persoas porque os perigos de discriminación das cidadás e cidadáns por ser diferentes aínda están aí "por desgraza".