Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase á celebración do orgullo LGTB co izado da bandeira arcoiris

Por primeira vez na historia a entidade provincial lucirá as cores que identifican o movemento da tolerancia e respecto á igualdade de xénero


27 xuño 2017
A Deputación de Pontevedra súmase á celebración do orgullo LGTB co izado da bandeira arco iris

A fachada da Deputación de Pontevedra lucirá desde mañá mércores, 28 de xuño, a bandeira arcoiris que identifica ao movemento LGTB na data de celebración do denominado Día do Orgullo. Esta vai ser a primeira vez na historia da institución provincial que a insignia arcoiris poda verse na súa fachada.

A bandeira lucirá como unha chamada de solidariedade, respecto, diversidade, tolerancia e igualdade ao colectivo LGTB á que o Goberno provincial quere sumarse nesta data de celebración festiva pero tamén reivindicativa. A presidenta, Carmela Silva, xunto o vicepresidente, César Mosquera, e acompañados por deputados e deputadas do Goberno provincial, colocarán a bandeira arcoiris, sobre as 13,30 horas, na balconada frontal da Deputación.

De feito, esta non é a primeira iniciativa que o Goberno de Carmela Silva ten feito sobre o colectivo. Desde o ano pasado ven desenvolvendo a mostra "Sorrisos transformadores", un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTB que levou a cabo a institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS. Esta exposición, que vai dirixida ás e aos escolares principalmente, leva percorrendo varias localidades da provincia co fin de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.

A data do 28 de xuño, recoñecida mundialmente como Día do Orgullo, conmemora os sucesos de Nova York do ano 1969, onde producíronse manifestacións espontáneas para protestar pola redada policial nun bar denominado Stonewall Inn do barrio neoiorquino de Greenwich Village. Nas décadas dos anos 50 e 60 os gais e as lesbianas estadounidenses debían enfrontarse a un sistema legal moi hostil cos homosexuais. Todos os estados do país penalizaban o sexo homosexual consentido entre adultos no ámbito privado. En 1961 un home adulto podía ser acusado de "crime" por manter sexo con outro adulto de maneira consensuada na privacidade da súa casa e podía impoñérselle unha multa ou chegar a pasar entre cinco e vinte anos na cadea.

As movilizacións e manifestacións posteriores á redada policial do bar neoiorquino considéranse como a primeira vez que o colectivo LGTB de Estados Unidos comezou a loita polos seus dereitos.