Noticias

Carmela Silva reclama "deixar de estar de brazos cruzados" ante a violencia machista na presentación de "Violencia Zero" en Tomiño

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "non podemos permanecer impasibles ante as cifras de mulleres asasinadas polas súas parellas e ex parellas"


27 decembro 2016
Violencia Zero Tomiño

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola concelleira de Cultura de Tomiño, Cristina Martínez, e maila deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asistiu esta mañá en Tomiño a unha nova intervención artística do proxecto "Violencia Zero", unha mostra itinerante que xa está a percorrer 25 concellos da provincia ata outubro de 2017 e que quere, a través da cultura, contribuír á loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres. A acción, que tivo lugar en Tomiño, chámase "A última cea", unha actuación escénico-teatral da man da actriz Uxía Morán.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que "centos de miles de mulleres sofren violencia física no noso país, que remata en moitas ocasións co asasinato de mulleres". Carmela Silva lembrou as cifras que deixou nos últimos anos a lacra da violencia machista xa que "nos últimos 10 anos son máis de 800 mulleres as que morreron a mans das súas parellas ou ex parellas e isto é un drama. Imos seguir falando de cifras sen nos inmutar?", engadiu. Por iso, salientou a presidenta provincial, "dende a Deputación de Pontevedra cremos profundamente na igualdade e é unha das nosas prioridades, e tanto a institución provincial coma o Concello de Tomiño sabemos que temos que ser unha referencia na loita contra as violencias machistas traballando xuntas e xuntos para este fin". No ano 2016 son 51 mulleres, "44 recoñecidas pero outras 7 en investigación", as que foron asasinadas pola violencia machista.

Carmela Silva quixo agradecerlle á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que non puido asistir ao acto por motivos de saúde, "por ser, ademais dunha muller líder que dirixe un proxecto político para esta vila, unha grande impulsora da igualdade". A concelleira de Cultura de Tomiño, Cristina Martínez, asegurou que "con este proxecto compartimos o goberno de Tomiño e a Deputación de Pontevedra a aspiración a unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, onde non atope lugar a discriminación de ningún tipo".

A presidenta provincial lembrou algunhas das situacións que teñen que vivir as mulleres polo simple feito de ser mulleres, como "soportar os piropos aínda hoxe no século XXI, unha linguaxe que nos invisibiliza, os estereotipos dun único tipo de beleza que nos identifican ás mulleres unicamente polo noso corpo, como un obxecto; a publicidade que vende mulleres en lugar dos produtos", o que Carmela Silva definiu como "múltiples violencias machistas que teñen que ser superadas xa que unha sociedade non se pode chamar democrática, moderna, avanzada e decente se máis da metade da poboación ten que sufrir o que sufrimos nós".

Todo iso, asegurou a presidenta, "fai que a nosa imaxe sexa algo que non ten que ver co que somos e queremos ser" polo que "reivindicamos unha imaxe como suxeitos activos xa que, por exemplo, ás veces temos que chegar á páxina 12 dun medio de comunicación para atopar novas sobre mulleres que fan algo para o avance da sociedade, cando en realidade somos moitas as que lideramos eses proxectos". Ademais, Carmela Silva afirmou que "non podemos seguir de brazos cruzados con minutos de silencio senón que temos que concienciar ao conxunto da sociedade, esixirlles ás administracións que dediquen recursos para a loita contra as violencias machistas e a prol da igualdade". A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que"a Xunta ten recortado as políticas de igualdade dende 2011 cando é preciso dedicar recursos, porque non son suficientes os discursos para construír unha sociedade igualitaria onde sexamos libres e todas e todos nos poidamos desenvolver en plenitude".

A actuación de Uxía Morán consistiu nunha acción teatral-escénica, "A última cea", que chamou a atención sobre o papel que se lles outorgou aos homes e ás mulleres durante a ditadura franquista. Tal como resumiu a propia artista, "as mulleres non só fomos encarceradas, fusiladas e obxecto de torturas e vexacións senón que tamén padecemos unha represión específica, unha represión ideolóxica e de xénero. A muller debía subordinarse ao home, manterse afastada da vida pública e dedicarse exclusivamente ás tarefas domésticas, ao coidado das fillas e dos fillos e á satisfacción do marido". Carmela Silva lembrou que "a cultura é un medio fundamental para remover conciencias e un instrumento necesario para cambiar sociedade" e salientou que o proxecto "Violencia Zero" recolle "cultura feita por mulleres comprometidas coa Igualdade".

A segunda edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" amplíase este ano a 25 accións en 25 concellos, en homenaxe ao 25 de novembro. As accións desenvólvense a razón de dúas ao mes, de novembro a outubro de 2017, e culminarán cunha acción final en novembro de 2017. Os concellos que acollerán o proxecto tras Marín son Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Cambados, Ponteareas, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.