Noticias

Carmela Silva reclama á Xunta e ao Goberno estatal máis recursos para coidar ás persoas con alzhéimer na súa visita ás instalacións de AFAGA

A Deputación de Pontevedra axuda este ano a AFAGA con 35.000 euros para desenvolver un proxecto de atención xurídica e psicolóxica a familiares de pacientes


16 maio 2017
Reunión con AFAGA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, visitou esta mañá as instalacións da Asociación de Familiares de persoas enfermas de alzhéimer e outras Demencias de Galicia, AFAGA. Carmela Silva e Digna Rivas foron guiadas polo presidente da Asociación, Juan Carlos Rodríguez, e demais persoal do seu centro de Vigo, para coñecer de primeira man tanto o traballo que desenvolven coas e cos pacientes destas doenzas neurodexenerativas ademais de recibir información tanto sobre a propia enfermidade como doutros eidos nos que se desenvolve o traballo do persoal de AFAGA.

Carmela Silva asegurou que "AFAGA é unha asociación imprescindible en Galicia xa que, grazas a elas e eles, as persoas que padecen alzhéimer e as súas familias teñen un instrumento co que facer fronte a unha enfermidade que afecta cada vez a máis xente". A presidenta provincial afirmou sentir "un profundo orgullo" polo feito de que "na nosa sociedade haxa persoas que de forma altruísta dediquen a súa vida, o tempo que teñen despois de realizar o seu traballo, a atender cuestións tan relevantes como que as persoas que padecen alzhéimer teñan todos os recursos que lles permiten levar a cabo unha vida máis plena".

Por iso, asegurou Carmela Silva, "na Deputación de Pontevedra imos facer este ano un enorme esforzo ao dedicar 35.000 euros a AFAGA para que poida desenvolver un proxecto propio que vai permitir prestar esa atención que tanto necesitan as e os doentes". O presidente de AFAGA asegurou que "grazas á Deputación de Pontevedra podémoslle dar ás e aos familiares asesoramento xurídico, atención psicolóxica tanto grupal como individual e asesoramento de recursos" nun programa baixo o nome de "Alzhéimer 360" que ten como obxectivo "ver a realidade desta enfermidade desde unha óptica global, traballando na igualdade para tratar de que se recalque a cuestión de xénero" xa que o peso do coidado das persoas doentes segue estando nas mulleres de entre 50 e 60 anos.

Con esta axuda, explicou Carmela Silva, "amosamos que desde a Deputación de Pontevedra lonxe de reducir os recursos para a cohesión social, aumentámolos". A presidenta provincial denunciou que "as administracións deberían atender con moita más fortaleza esta enfermidade e, sobre todo, con moitos máis recursos, concretamente a Xunta de Galicia e o Goberno estatal". Carmela Silva, afirmou, "entendo que son estas dúas administracións quen deberían poñer todos os medios para que estas persoas e familiares teñan os recursos necesarios. Iso non acontece, a lei de dependencia está practicamente paralizada, en moitos lugares de España e particularmente en Galicia" e esta situación débese reverter porque "vivimos nunha sociedade onde cada vez nos facemos máis maiores, aumenta a esperanza de vida e, polo tanto, o alzhéimer ten como perspectiva aumentar o número de persoas que o padecen".

Carmela Silva tamén denunciou a situación das coidadoras, "que seguen a ser as mulleres", e asegurou que "hai que poñer á súa disposición os recursos necesarios para que non teñan que abandonar a súa vida laboral para coidar ás e aos familiares que padecen esta enfermidade". Para iso, asegurou a presidenta provincial, "fai falla que haxa persoal coidador con salarios, dereitos e que poidan facer fronte ás súas propias necesidades".

Na provincia de Pontevedra arredor de 15.000 persoas poden padecer unha enfermidade neurodexenerativa e arredor de 40.000 están afectadas en total por esta situación. Este tipo de doenzas adoitan evolucionar cara á dependencia absoluta e, por iso, as e os familiares abandonan as súas carreiras profesionais e moitos aspectos das súas vidas persoais para dedicarse cada vez máis ao seu coidado, denuncian en AFAGA.