Noticias

A Deputación colabora con AFAGA na organización das XIV Xornadas Profesionais sobre o Alzheimer

Vanse desenvolver os días 11 e 12 de novembro en Vigo, co obxectivo de servir de punto de encontro para todos e todas as profesionais relacionados con esta doenza


31 oct 2016
XIV Xornadas Profesionais sobre o Alzheimer
XIV Xornadas Profesionais sobre o Alzheimer

A Deputación de Pontevedra colabora con Afaga, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, na organización das XIV Xornadas Profesionais Alzheimer, que se van desenvolver os próximos días 11 e 12 de novembro en Vigo no Teatro Afundación. Pretenden converterse nun punto de encontro para todos e todas os profesionais relacionados con esta doenza.

Dende 2002, Afaga organiza esta iniciativa co obxectivo de formar e informar sobre o Alzheimer e outras demencias. Todos os colectivos implicados consideran que unha atención integral e adecuada ás persoas con Alzheimer só se pode conseguir mediante a preparación e a sensibilización dos axentes implicados, e de aí a necesidade e a importancia de eventos coma este.

As xornadas comezarán o venres 11 de novembro, ás 19h., cunha conferencia inaugural, a cargo do presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, o xeriatra Miguel Vázquez, sobre "Novos retos na atención sociosanitaria das persoas con vulnerabilidade cognitiva".  Ao día seguinte, o sábado 12 de novembro, desenvolveranse varias mesas redondas. A primeira será ás 9 da mañá, baixo o título "Deterioración cognitiva: investigación e aplicación prácticas". Ás 11h. terá lugar unha segunda mesa sobre "Alerta e medidas de protección para as persoas con vulnerabilidade cognitiva". Por último haberá outra mesa redonda sobre "Toma de decisións difíciles na atención á demencia avanzada".

As persoas interesadas en participar nas XIV Xornadas Profesionais Alzheimer poden anotarse ata o vindeiro 7 de novembro. As persoas en situación de desemprego, estudantes e colaboradores de Afaga terán que pagar 30 €, mentres que os profesionais terán que aboar 40 €. As persoas colexiadas de Fisioterapia e Psicoloxía de Galicia dispoñen dun 15% de desconto.

Os últimos datos de Afaga falan de que preto de 30.000 persoas na provincia de Pontevedra sofren demencia e algo máis de 100.000 en toda Galicia. Destas persoas, calcúlase que o 70% padecen alzheimer. Polo tanto, estímase que na provincia de Pontevedra padecen Alzheimer preto de 21.000 € persoas e unhas 70.000 en toda Galicia. 

Tríptico das xornadas (pdf)