Noticias

Carmela Silva preside o acto de presentación de "Smartpeme" na Casa da Luz de Pontevedra

A presidenta da Deputación asegurou que este proxecto se pon en marcha coa colaboración e a complicidade dos concellos pola súa proximidade cos sectores produtivos


06 out 2016
Smartpeme
smartpeme

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu esta mañá acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o acto de presentación do proxecto "SmartPeme" de orientación TIC a pemes e persoas emprendedoras da provincia, unha iniciativa que nos seus primeiros tres meses de vida xa atendeu a máis de 200 pequenas e medianas empresas da provincia. A esta xornada, que se celebrou na Casa da Luz da cidade do Lérez, tamén asistiron os deputados e deputadas provinciais Javier Dios (Innovación e Promoción Económica), Montse Magallanes (Emprego), Santos Héctor Rodríguez (Turismo), Carlos Font (Economía, Facenda e Réxime Interior) e Digna Rivas (Cohesión Social e Xuventude).

Carmela Silva sinalou que "SmartPeme" é "unha carteira de servizos para que a través das TIC as pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e emprendedoras teñan a capacidade de ser máis competitivas, eficaces e obter mellores resultados" distribuída "entre seis puntos repartidos ao longo da provincia, entre elas Pontevedra" con "especializacións moi claras nos sectores produtivos, pero en contacto entre elas para ofertar un servizo de calidade e profesional". A Presidenta tamén sinalou que "dende a Deputación e o Concello somos moi conscientes de que toda a actividade económica que se desenvolve na provincia está ligada ás pequenas e medianas empresas, que son máis do 90% do total". Ademais, asegurou que malia que "o emprendemento nace en toda a provincia", a provincia de Pontevedra ten "dous grandes núcleos e un deles é a cidade de Pontevedra, xunto con Vigo teñen que ser os grandes impulsores de actividade económica da provincia xa que, malia que as entidades locais e provinciais non temos competencias en materia de emprego, non podemos estar de costas ás necesidades da nosa sociedade".

"SmartPeme" elabórase en colaboración cos concellos xa que, tal como indicou Silva, "son os verdadeiros protagonistas, por iso queremos que as pemes e persoas emprendedoras formen parte deste servizo da man dos concellos. As vilas son quen teñen máis proximidade co sector e contando coa súa complicidade e as súas redes de contactos SmartPeme responderá ás necesidades dunha provincia con moito talento". A respecto desta colaboración, o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, sinalou que "as institucións temos a obriga de axuntar esforzos para mellorar as condicións de vida da cidadanía e que ningunha persoa cunha iniciativa se atope soa. Tanto a Deputación como o Concello de Pontevedra imos axudar, formar e animar a que emprendan con éxito".

O acto de presentación de "SmartPeme" tivo como obxectivos presentar o esforzo de colaboración entre o Concello pontevedrés e a Rede "SmartPeme" para dar o mellor servizo ao sector empresarial da urbe, así como salientar a implantación de novas formulación en materia de estratexia dixital entre o tecido empresarial da vila e reforzar a  rede "SmartPeme" entre o tecido empresarial da cidade. Nela expuxéronse cinco casos de éxitos de empresa con alto contido innovador da provincia: Bioprana World, CreAPPCuentos, ImasV, Monet Tecnología e Innovación e, por último, Xeométrica.

Lembramos que o proxecto "SmartPeme" é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e persoas autónomas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Todo iso empregando as tecnoloxías da información (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…). Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se poñen en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores e asesoras en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.