Noticias

Carmela Silva presenta este martes a terceira edición de "Mulleres en acción. Violencia zero" 2017-2018

O programa levará ata 25 concellos da provincia actuacións culturais e artísticas co obxectivo de loitar contra as violencias machistas


06 novembro 2017
Mulleres en Acción. Violencia Zero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presenta mañá ás 12 horas no hall do Pazo provincial a nova programación do programa "Mulleres en acción. Violencia zero" que levará ata 25 concellos da provincia, ao longo dun ano, actuacións artísticas e culturais co obxectivo de loitar contra a lacra social das violencias machistas. Con este mesmo obxectivo, tamén a partir de mañá a primeira hora, instalarase no exterior do Pazo provincial unha pancarta na que a institución provincial amosa a súa repulsa contra este tipo de violencias.

A terceira edición de "Mulleres en acción. Violencia zero" consistirá na posta en marcha de 25 novas accións centradas en performances, na poesía, na música, no graffiti, na danza contemporánea e na acción escénica. En concreto, os concellos que acollerán a nova programación, a partir do vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, serán Pontevedra, Vigo, Mos, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal.

Durante a presentación da nova programación, na que participarán alcaldes e alcaldesas de concellos da provincia que acollerán ao longo do ano algunha das actuacións culturais e artísticas de "Mulleres en acción. Violencia zero", terá lugar a representación da acción artística Non de María Marticorena, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Esta performance, de grande espectacularidade e na que se implicará ao público asistente, enxalzará o valor e a coraxe feminina e reflexionará sobre o papel que xogamos na sociedade.

O programa "Mulleres en acción. Violencia zero" naceu no ano 2015 co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e reflexiva sobre as violencias machistas. Ao tempo, o programa promove e dálle visibilidade a artistas novas galegas, realizando un achegamento á arte contemporánea a través dos diálogos cos públicos, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra as violencias machistas.