Noticias

Abi Castillo pon cor á loita contra a violencia machista no "Mulleres en acción. Violencia zero" do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, resaltou que, con estes actos, a Deputación quere recordar que "as mulleres están morrendo asasinadas e non o podemos consentir"


24 outubro 2017
Vila de Cruces

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, acompañada polo alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, asistiu no IES Marco do Camballón a unha nova intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero" da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista.

En relación ao programa, Digna Rivas subliñou que "é parte moi importante da nosa área de Igualdade, que non existía no anterior goberno e que para nós é unha área prioritaria." A deputada de Cohesión Social tamén aproveitou o acto para reflexionar sobre a situación actual en materia de violencia machista, afirmando que "se as cousas non se nomean non existen. Por iso hoxe teño que falarvos dos 48 asasinatos machistas que houbo no que levamos de ano. É unha cifra dramática, pois xa levamos 8 máis que o ano pasado e desde 2007 xa son 713. É gravísimo. Todos e todas temos que sumarnos á loita pois as mulleres están morrendo asasinadas e non o podemos consentir."

A protagonista da acción artística foi Abi Castillo, que presentou en Vila de Cruces a súa obra Tocando as estrelas. Con ela reivindicou a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres a través dun mural que a ilustradora galega pintou co propósito de reflectir as ganas e a ilusión por conseguir un mundo distinto no que os soños se fagan realidade. O alumnado do IES Marco do Camballón tamén colaborou con Abi Castillo na elaboración da obra.

Abi Castillo é unha ilustradora que na actualidade compaxina o seu traballo creativo coa súa faceta como profesora de pintura. Ao longo da súa carreira, entre outras cousas, ilustrou o libro de Ruth Oliveira O corazón tecido de Catarina, participou na segunda edición da publicación IlustraDots e na segunda edición do fanzine sobre mulleres ilustres Ilustrísimas.

Tanto a deputada provincial, Digna Rivas, como o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, coincidiron en sinalar a importancia que ten a ensinanza para lograr unha sociedade con igualdade de oportunidades, pois tal e como apuntou Digna Rivas "será imposible acabar co machismo se non educamos en igualdade."

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades, como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.


Novas relacionadas

Violencia Zero

23 outubro 2017, violencia zero, vila de cruces, mulleres en acción