Noticias

Carmela Silva pon en valor o labor do Marisquiño pola promoción da igualdade

O Marisquiño, que se desenvolverá en Vigo este ano entre os días 9 e 11 de agosto, forma parte do circuíto de Festivais Rías Baixas promovido pola Deputación


01 agosto 2019
Presentación do Marisquiño

"Este ano volvemos estar de festa cun Marisquiño aínda máis potente, por difícil que pareza, que as edicións anteriores", asegurou esta mañá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a presentación do Marisquiño 2019 na pista de skate do parque de Navia, en Vigo. A presidenta presentaba así un dos eventos que forman parte do circuíto de Festivais Rías Baixas promovido pola Deputación, e fíxoo acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, o director do Marisquiño, Joako Ezpeleta, e a deputada de Turismo Rías Baixas, Ana Laura Iglesias.

Carmela Silva tamén felicitou ao equipo do Marisquiño, que se desenvolverá entre os días 9 e 11 de agosto no porto marítimo da cidade olívica, "polo seu cartel, no que quero que toda a xente repare, xa que representa unha muller skater. Deste xeito, simbolízase o labor do Marisquiño pola promoción da igualdade e da visibilidade das mulleres, un sinal de identidade do festival". A presidenta provincial lembrou que "este ano a Deputación de Pontevedra volverá levar o seu proxecto contra as agresións sexuais e as violencias que sufrimos as mulleres". Trátase das campañas "Lembra! Eu decido, ti respectas" e "Conta comigo, eu respéctote", que contarán "cun stand no que axentes de igualdade informarán sobre outro mundo no que os seres humanos nos relacionamos desde o afecto e non desde a dominación". O cartel do festival, inspirado na carteleira rusa dos anos 40, forma parte das accións da Deputación de Pontevedra para a promoción da igualdade no Marisquiño.

Carmela Silva salientou a capacidade de atracción deste evento, "con persoas de todo o mundo que veñen a Vigo", e tamén "o seu seguimento a través do streaming e de televisións de todo o mundo". A presidenta asegurou que O Marisquiño "é un evento mundial que fai que Vigo sexa unha gran referencia do deporte urbano, porque con el celebramos os días grandes do deporte e da cultura urbana, e que está organizado por persoas con talento, con ideas e con moito traballo para construír un festival que é a envexa de moitos lugares". Por iso, Carmela Silva afirmou estar encantada "de que este sexa un dos grandes eventos nos que participa a Deputación de Pontevedra, á que o alcalde lle pediu que apoiara O Marisquiño con forza porque sempre tivo claro que era un grande evento".

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que "seguiremos apoiando o festival todos os anos e faremos o que sexa necesario para que se siga celebrando en Vigo, porque iso é o que quere a xente". O rexedor sinalou que "o Concello e a Deputación apoiamos O Marisquiño con preto de 500.000 euros", dos que a Deputación achega 181.500 euros, "xa que, ademais do apoio loxístico, o económico tamén é moi importante". O director, Joako Ezpeleta, asegurou que "a seguridade está garantida ao 100 %, porque traballamos para que non houbese ningún perigo para deportistas e para o público. Triplicamos o noso orzamento dedicado á seguridade e traballamos conforme a todas as normativas cun esforzo moito maior".

O Marisquiño é o maior evento de cultura urbana e deportes de acción do sur de Europa, e nel despútanse ata tres copas mundiais: a World Cup Skateboarding Street, a World Cup Skateboarding Miniramp e o Dirt FMB World Tour, todas elas puntuables en clasificacións internacionais e nas que se dan cita as e os mellores riders nacionais e internacionais. Ademais, desde o ano pasado súmase unha nova disciplina deportiva, o Basket 3x3 da FIBA, que será olímpica en Tokio 2020. Nelas participarán deportistas de máis de 30 nacionalidades.

A Deputación de Pontevedra tamén estará presente no Marisquiño o 9 de agosto coa campaña "Experiencias SOStibles", que promove a diminución do uso de plásticos con accións de sensibilización e coa repartición de materiais alternativos aos plásticos dun só uso, coma as bolsas de tea, e de utensilios que reduzan o impacto ambiental humano, coma as ecocabichas.

Ademais do deporte, O Marisquiño tamén acollerá actuacións coma as de Nahno Selectah, High Paw, Yawners, Kaixo, Awwz, Fusa Nocta, Eric Bobo, Jota Mayúscula, Skank-Fu Hi-Fi Sound System, Ramiroquai DJ, Fran Laoren, Kyotto, Mery Oaks, Niña Coyote, Biznaga, Eme DJ, Judah GT, DL Blando ou Grobas, entre outras apostas; un Village Market no que se desenvolverán e se darán a coñecer proxectos relacionados coa cultura urbana e co deporte; e tamén catro zonas gastronómicas, con food trucks e degustacións.