Noticias

Carmela Silva pon de exemplo ante a FEMP o proxecto da Deputación de Pontevedra de implantación da administración electrónica en 55 concellos da provincia

A presidenta destaca que a estratexia da institución provincial consegue aforros superiores ao 50 % con relación aos prezos de mercado nos concursos agrupados de compra de material


20 abril 2017
Reunión en Ibiza

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe que un total de 55 concellos da provincia, dos 59 posibles, adheríronse ao proxecto de administración electrónica que impulsa a institución provincial, na súa intervención ante a comisión de deputacións da Federación Estatal de Municipios e Provincial (FEMP) que se celebra en Ibiza.

Carmela Silva sinalou que coa estratexia de implantación da administración electrónica nos concellos da provincia acadáronse aforros económicos superiores ao 50 por cento respecto aos prezos de mercado na compra de material e de servizos técnicos. Ademais, segundo explicou a presidenta, o proxecto de implantación que leva a cabo a Deputación de Pontevedra traballa en dous eixos de actuación. O primeiro, as aplicacións informáticas e os soportes, e o outro, o sistema das telecomunicacións.

Neste aspecto a presidenta da Deputación destacou que desde os servizos da institución provincial non só se pon á disposición dos concellos da provincia unha serie de ferramentas informáticas para a xestión do seu traballo diario. O persoal técnico da Deputación forma as e os funcionarios destes concellos xestionando o cambio aos novos programas que dan soporte técnico. "Neste momento estamos a traballar en 21 concellos na formación das e dos seus traballadores", indicou Carmela Silva.

De feito, o cronograma de implantación do proxecto contempla para este ano a posta en marcha do padrón municipal de habitantes, a compra agregada de servizos de impresión e a compra agregada de servizos de telecomunicación unha vez adxudicado o servizo de administración electrónica co produto Gestiona, que tarda unha media de sete semanas de implantación por concello.

A previsión para os próximos dous anos será a compra agregada de almacenamento na nube, backup e correo electrónico. Noutro eido implantaranse os servizos de control horario, contabilidade e o servizos de xestión de nóminas e recursos humanos.

Por último, Carmela Silva destacou que os principais problemas cos que se atopan as e os técnicos da Deputación de Pontevedra no desenvolvemento da implantación da administración electrónica son, principalmente, as carencias técnicas dos equipos informáticos, nalgúns casos con equipos obsoletos, e, en segundo lugar, a propia xestión do cambio con necesidades de formación con xornadas de reforzo ou a formación de novas técnicas e técnicos.

Por outra parte, dentro da orde do día da xuntanza da FEMP estaba o despoboamento das provincias, ao que Carmela Silva subliñou que son os concellos e as deputacións as primeiras que alertaron sobre este problema. Por iso reivindicou que é necesario e fundamental que "as decisións que se tomen por parte do Goberno ou das comunidades autónomas nos teñan en conta, por ser os máis próximos ao problema, e que nos convertamos en axentes activos".

Silva recordou que os concellos e as deputacións son os que teñen máis capacidade para dar resposta ao despoboamento que sofren as zonas rurais "pola nosa proximidade". Ademais incidiu a presidenta que calquera estratexia para fixar poboación ten que pasar por unha garantía dos servizos públicos básicos en calquera zona dunha provincia, para o que é necesario contar cos recursos económicos suficientes.