Noticias

Carmela Silva pecha a xornada de María Vinyals co compromiso de promover un encontro no castelo de Soutomaior de todas as escolas de igualdade do Estado

A xornada, que contou coas mulleres máis representativas en perspectiva de xénero, rematou con tres obradoiros e a conferencia da maxistrada Paz Filgueira


07 xuño 2018
Carmela Silva pecha a xornada de María Vinyals

A xornada sobre o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero da Escola de Igualdade María Vinyals, organizada pola Deputación de Pontevedra, pechou esta tarde as súas portas co compromiso da presidenta Carmela Silva de poñer en marcha un encontro a nivel estatal de todas as escolas de igualdade do Estado que se celebrará no castelo de Soutomaior. De feito, Silva sinalou que "hoxe establecemos as bases do evento que todas estamos convencidas de que temos que desenvolver e que terá lugar na nosa provincia".

A presidenta provincial agradeceu a presencia de todas as poñentes e a asistencia de case 200 persoas, na súa maioría mulleres, que participaron nas conferencias de Ángeles Álvarez, Inmaculada Montalbán, Marisa Soleto e Paz Filgueira, e nos obradoiros que dirixiron Gloria Poyatos, Yolanda Domínguez e Rosana Izquierdo, "todas elas, dixo Carmela Silva, verdadeiras referencias en igualdade do Estado e un luxo o feito de poder contar con elas na Escola María Vinyals".

A xornada pechouse coa conferencia de María Paz Filgueira Paz, maxistrada do xulgado de violencia sobre a muller núm. 1 de Vigo, titulada "Pacto de Estado; e agora que?". A poñente explicou que é necesario un compromiso por parte de todos os poderes públicos, así como un cumprimento estrito do ordenado no Pacto de Estado contra a Violencia, para conseguir avances nesta loita contra a violencia de xénero. "É preciso actuar a todos os niveis desde a formación, as axudas socioeconómicas, políticas de paridade, estatísticas rigorosas que aborden a discriminación da muller, medidas transversais en todas as políticas", afirmou Filgueira.

O encontro rematou coa celebración de tres obradoiros nos que se seguiu profundar en materia de igualdade e violencia de xénero. No obradoiro, "Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición de xustiza equitativa, a cargo da maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas (AMXE), Gloria Poyatos Matas, fíxose referencia ao papel da Constitución Española para converter a igualdade nun rango fundamental. A poñente explicou que malia a existencia de leis de carácter transversal, as fendas de xénero seguen presentes en todos os ámbitos sociais e se exacerban nun mercado laboral que segue discriminando ás mulleres. Poyatos insistiu en que o gran desafío do noso século é a conquista da igualdade substancial, xa que, na práctica, a igualdade xurídica e real camiñan descompensadas. A maxistrada engadiu que, ante a inutilidade das ferramentas legais tradicionais, desde a Xurisprudencia Internacional de Dereitos Humanos estase a impulsar a impartición de Xustiza con perspectiva de xénero, que dea cumprimento efectivo ao concepto de transversalización do dereito á igualdade.

Por outra banda, "Cambiar as imaxes para cambiar o mundo", impartido pola artista visual e experta en Comunicación e Xénero Yolanda Domínguez Rodríguez,  versou sobre a importancia da linguaxe visual como forma de comunicación dos nosos días. A artista resaltou que, na actualidade, é necesario coñecer os mecanismos dos medios de comunicación e comprender e filtrar as mensaxes visuais que recibimos para facer unha lectura crítica das mesmas. Domínguez tamén analizou o papel que desempeñan as imaxes na construción da nosa identidade e xénero, así como a perpetuación das desigualdades sociais. A través dun recorrido pola historia das imaxes, a poñente explicou como é o proceso de lectura e de que forma afecta á nosa auto percepción e ás relacións que temos coas demais persoas, ao mesmo tempo que inflúen nos estereotipos na desigualdade entre homes e mulleres.

Pola súa banda, no obradoiro "A Atención Primaria e o seu compromiso ante a Violencia de Xénero", a cargo de Rosana Izquierdo Fernández, médica de Atención Primaria e responsable do grupo de traballo de Violencia de Xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC), fíxose referencia ao problema de saúde pública que supón a Violencia contra as mulleres.  Segundo apuntou a médica, o maltrato ten importantes consecuencias na saúde da muller e dos seus fillos e fillas. Neste senso, amosou que diversos estudos puxeron de manifesto que as persoas vítimas de malos tratos fan maior uso do sistema sanitario, tanto por sintomatoloxía física como psíquica. Outro gran dato revelador exposto por Rosana Izquierdo é que vinte de cada cen mulleres que acoden aos Centros de Saúde son vítimas de violencia de xénero.

A gravidade destes datos provocou que a Organización Mundial da Saúde o considere un problema prioritario en saúde pública. Ademais, numerosas organizacións sanitarias seguen alertando sobre a infradetección do maltrato e as súas graves consecuencias, o que pon de manifesto a necesidade dunha maior implicación por parte deste sector.

Fotos