Noticias

Carmela Silva incide en Vigo na necesidade dunha "mirada lila" para "transformar a sociedade"

O MARCO acolleu a presentación do catálogo "Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz", unha das accións da Deputación ao abeiro do 25 de novembro


15 novembro 2019
Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz en Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, da comisaria da exposición "Mulleres do silencio", Rosario Sarmiento, e de Almudena Fernández, Rosalía Pazo e Mónica Alonso (tres das artistas protagonistas do compendio) presentaron esta tarde o catálogo "Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz". Coa presenza de colectivos da cultura da cidade e asociacións de mulleres, o acto estivo cheo de arte, imaxe e música no Museo MARCO nunha presentación que serviu de arranque á programación impulsada polo Goberno provincial para conmemorar o 25-N. Ata a sala, acudiron persoa integrantes do Goberno provincial, do Goberno local e público en xeral que recibiron un exemplar do catálogo como agasallo. O evento deu comezo coa peza Sen dúbida da música Silvia Penide, quen tamén pechou o evento con Reventaba. A xornalista Teresa Cuiñas foi a encargada da condución do evento e dar paso a un book trailer de "Mulleres do silencio" que permitiu apreciar tanto á exposición, como ás artistas e ás súas principais obras.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que vivimos unha "revolución cultural que estamos a vivir en todos os eidos da cultura e que ten nome de muller na poética, na narrativa, na pintura, no cinema, no teatro e, sen embargo, a maioría da sociedade non coñece os seus nomes. As mulleres sempre estivemos invisibilizadas e por iso precisamos escribir para deixar unha proba viva do traballo das mulleres e unha pegada para sempre, porque o que non se nomea non existe e o que non se escribe non queda na memoria. Agardo que en tempos vindeiros alguén atope este catálogo e recoñeza nel ás grandes mulleres e grandes obras que deixaron". Ademais, a presidenta insistiu na importancia deste catálogo para ter referentes femininos: "a sociedade precisa unha mirada lila, que conte coas mulleres, porque se o 52 % da poboación non está presente todas e todos somos tortas e tortos xa que soamente temos unha mirada masculina e precisamos mirar cos dous ollos para poder transformar a sociedade".

Pola súa banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a importancia de presentar o catálogo no MARCO, "neste lugar de memoria e transcendencia, que foi unha forma de recuperar, manter e lanzar a historia a través do presente buscando un extraordinario futuro". Tamén manifestou o compromiso da cidade co feminismo, "especialmente nestes tempos nos que o feminismo e a igualdade estanse a atopar con freos, insultos, intentos de degradación, desde forzas políticas que presumen de levar adiante movementos sociais. E esas forzas políticas deben desaparecer para sempre. Este libro é un berro contra as ditaduras e contra os que nos intentan oprimir". Tamén adiantou que "en moi pouco tempo as artistas do catálogo terán unha rúa ou espazo público, ao igual que o teñen xa Maruja Mallo e Julia Minguillón".

Pola súa banda a comisaria Rosario Sarmiento destacou "que despois de tres anos volvemos aquí, ao punto de partida, ao MARCO, co catálogo que recolle un arduo traballo de investigación de case dous anos". Sarmiento insistiu na importancia de apostar pola formación "para garantir a profesionalidade" pero reivindicou que "pese a ser un 70 % as mulleres que rematan Belas Artes e un 30 % os homes, cando acceden ao mercado laboral as cifras cambian porque o sistema do poder da arte segue marcado pola invisibilidade e escasa presenza das mulleres".

Tamén tivo a oportunidade de amosar a súa opinión unha das mulleres artistas, Almudena Fernández, que incidiu na necesidade de escribir textos sobre mulleres artistas "como único xeito de facer historiografía. Sempre houbo mulleres artistas, pero soamente pasan o filtro cando se escribe sobre elas e a ausencia de mulleres artistas na historia significa a falta de referencias positivas para as artistas novas".

A Deputación de Pontevedra editou 1.000 exemplares do catálogo "Mulleres do silencio" co obxectivo de visibilizar o talento das artistas galegas do século XX, oculto pola sociedade androcéntrica. O catálogo, de 175 páxinas, está baseado na exposición que tivo lugar no MARCO entre outubro de 2016 e abril de 2017 na que se deu a coñecer a obra e traxectoria de 19 artistas galegas vinculadas á pintura. O coidado catálogo recolle unha reseña bibliográfica, en galego e castelán, e imaxes dalgunhas das obras máis representativas de Maruja Mallo, Julia Minguillón, M.ª Victoria de la Fuente, Elena Fernández-Gago, Fina Mantiñán, Beatriz Rey, M.ª Antonia Dans, Mercedes Ruibal, Elena Colmeiro, Soledad Penalta, María Xosé Díaz, Menchu Lamas, Rosalía Pazo Maside, Berta Cáccamo, Pamen Pereira, Ángela de la Cruz, Mónica Alonso, Almudena Fernández Fariña e Tatiana Medal. A obra divídese en catro bloques, seguindo a propia proposta formulada pola exposición. A través deles faise fincapé en cuestións coma o seu insignificante protagonismo nos movementos de vangarda anteriores á Guerra Civil, a posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra de Galicia, a chegada da democracia e o impulso dinamizador que van coñecer as artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.

Fotos

Vídeos