Noticias

Carmela Silva firma o convenio de colaboración coa Sociedade Deportiva Teucro

A Deputación achégalle ao club de balonmán de Pontevedra a cantidade de 45.000 euros anuais


14 mar 2016
convenio de colaboración co Teucro
convenio de colaboración co Teucro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, firmou hoxe co presidente da Sociedade Deportiva Teucro, Carlos García Alén, o convenio de colaboración polo que a entidade provincial lle achega a cantidade de 45.000 euros anuais ao club deportivo.

Este convenio contempla que o club deportivo deberá mostrar na súa camiseta oficial o logotipo da Deputación de Pontevedra, ademais de figurar en diversos soportes publicitarios do pavillón onde xoguen os partidos oficiais da liga Asobal e noutros materiais da sociedade deportiva.

Tamén se recolle no convenio que o Teucro lles facilitará invitacións para asistir aos partidos aos escolares das escolas deportivas de balonmán dos concellos, salvo aos partidos declarados como "día do club".

O convenio contémplase dentro do plan de apoio da Deputación de Pontevedra ao deporte e aos clubs da provincia que xogan nas ligas máis importantes de cada unha das disciplinas deportivas.

Así, estes días estanse a firmar os convenios de colaboración con outros clubs coma o Real Club Celta, o Pontevedra CF, o Coruxo FC, o Club Balonmán Cangas, que se asinará mañá martes, o Club Atlético Guardés, o Club Balonmán Porriño, o Fútbol Sala de Poio, o Gimnástica de Atletismo de Pontevedra e o Club Ciclista Froiz.

O apoio do novo goberno da Deputación de Pontevedra ao deporte vese reflectido na incorporación, aprobada no último Pleno, de 2,6 millóns de euros ao orzamento de máis de seis millóns de euros que se tiñan consignados no orzamento inicial. Con esta incorporación de remanentes a Corporación poderá atender unha maior implicación en materia deportiva en toda a provincia e potenciar axudas para clubs ou outras entidades.

Convenio (pdf)


Novas relacionadas