Noticias

Carmela Silva firma o convenio de colaboración co Club Balonmán Cangas

A Deputación achégalle ao club a cantidade de 45.000 euros anuais


15 mar 2016
Carmela Silva firma o convenio de colaboración co club balonmán Cangas
Carmela Silva firma o convenio de colaboración co club balonmán Cangas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, firmou hoxe co presidente do Club Balonmán Cangas, Adolfo Camiña, o convenio de colaboración polo que a entidade provincial lle achega a cantidade de 45.000 euros anuais ao club deportivo cangués. Á sinatura tamén acudiu o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos.

Este convenio contempla que o Club Balonmán Cangas deberá mostrar o logotipo da Deputación de Pontevedra na súa camiseta oficial e en diversos soportes publicitarios do pavillón do Gatañal durante os partidos oficiais da liga Asobal e noutros materiais da sociedade deportiva.

Tamén se recolle no convenio que o Cangas lles facilitará invitacións para asistir aos partidos aos escolares das escolas deportivas de balonmán dos concellos, agás aos partidos declarados como "día do club".

O convenio contémplase dentro do plan de apoio da Deputación de Pontevedra ao deporte e aos clubs da provincia que xogan nas ligas máis importantes de cada unha das disciplinas deportivas.

Así, nestes días estanse a firmar os convenios de colaboración con outros clubs coma o Real Club Celta, o Pontevedra CF, o Coruxo FC, a Sociedade Deportiva Teucro, que foi asinado onte, o Club Atlético Guardés, o Club Balonmán Porriño, o Fútbol Sala de Poio, o Gimnástica de Atletismo de Pontevedra e o Club Ciclista Froiz.

O apoio do novo goberno da Deputación de Pontevedra ao deporte vese reflectido na incorporación, aprobada no último pleno, de 2,6 millóns de euros ao orzamento de máis de seis millóns de euros consignados no orzamento inicial. Con esta incorporación de remanentes a Corporación poderá ter unha maior implicación en materia deportiva en toda a provincia e potenciar axudas para clubs ou outras entidades.

Convenio (pdf)