Noticias

Campo Lameiro recibe 44.000 € do Plan Concellos para o acondicionamento dos locais da Chanciña

Campo Lameiro acada deste xeito o 100% do investimento do Plan Concellos, isto é, 361.447,89 €


20 xul 2016

A Deputación de Pontevedra, a través dunha resolución presidencial, vén de aprobar unha achega ao concello de Campo Lameiro de 43.807,99 € destinada ao acondicionamento dos locais da Chanciña. Esta contía pertence á liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016.

Esta cantidade súmase aos 236.314,13 €, tamén en liña 1, concedidos polo Plan Concellos para financiar o investimento da zona húmida artificial empregada para o tratamento de augas residuais e a fase final do saneamento no lugar de Paredes, o acondicionamento da beirarrúa situada no treito sur da rúa Bernardo Sagasta e a realización de obras de mellora no entorno rural da vila e, en último lugar, aos 81.325,77 € que o Plan Concellos destinou á contratación de 14 persoas, acción que vén enmarcada na liña 4 do mesmo.

Con esta nova achega, Campo Lameiro xa dispón do 100% do investimento á vila ao abeiro do Plan Concellos 2016, o que supón unha achega de 361.447,89 €.