Noticias

As Ruínas de San Domingos recuperan o seu horario habitual

A partires de mañá ás 10 horas ábrense de novo ao público e volven a retomarse as visitas guiadas


03 abril 2017
San Domingos

Tras o habitual peche durante o inverno, as Ruínas de San Domingos retoman a partires de mañá o seu horario habitual de apertura ao público e volven a ofertarse as visitas guiadas. Así, o horario de apertura queda establecido de 10 a 14h e de 16:30 a 19:30 horas, de martes a sábado; mentres que os domingos e festivos abren de 11 a 14 horas. En canto ás visitas guiadas realizaranse ás 12 horas e ás 17:30 horas de martes a venres, agás Xoves e Venres Santo. Para as visitas guiadas non será preciso inscrición previa.

Hai que lembrar que as Ruínas de San Domingos foron reabertas ao público o pasado mes de agosto, tras tres anos pechadas por mor das obras de consolidación de todos os elementos do edificio, nomeadamente do rosetón. Nos tres meses que permaneceron abertas ao público o pasado ano -antes do habitual peche no inverno- recibiron un total de 41.593 visitas, o que supuxo o 38,7 % do total das visitas do Museo durante o 2.016.

As Ruínas de San Domingos foron declaradas M0numento Nacional no ano 1.895, sendo o primeiro monumento da provincia de Pontevedra en acadar esta declaración. Na historia do Museo de Pontevedra tamén teñen un lugar destacado, posto que foron a sede da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que deu inicio ao actual Museo en 1.927. Foron, ademais, o primeiro lugar no que se puido visitar a colección de miliarios antes de ser trasladada ao Edificio Sarmiento, tras ser rehabilitado a finais da década de 1.970 e comezos de 1.980.

Na actualidade, deste edifico, o máis antigo dos seis que conforman o Museo, consérvase unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas -excepcional no gótico galego-, xunto con parte do muro sur da igrexa e a entrada ao capítulo do convento, fundado en torno a 1.282, aínda que as obras do templo actualmente conservado non se iniciaron ata 1.383, continuando ao longo do século XV.


Novas relacionadas