Noticias

As Ruínas de San Domingos incrementan a oferta de visitas guiadas durante o verán

A partires do 1 de xullo de xullo as Ruínas abren durante unha hora máis polas tardes, e a partires do día 4 ofertan catro visitas guiadas por día


27 xuño 2017
Ruinas de San Domingos

A partires do vindeiro sábado, 1 de xullo, as Ruínas de San Domingos ampliarán nunha hora o seu horario de apertura polas tardes. Deste xeito, o horario será de 10 a 14 h e de 16 a 20 h, de martes a sábado; mentres que os domingos e festivos mantense de 11 a 14 h. Ao igual que os demais edificios visitables do Museo, os luns permanecerán pechadas.

En canto ás visitas guiadas, a partires do martes 4 de xullo incrementarán a oferta. De martes a sábado, terán lugar ás 10:30 h, 12 h, 17:30 h e 19 h; mentres que os domingos e festivos mantense unha visita ás 12 h como viña sendo habitual.

Tamén a partir do sábado 1 de xullo e ata o 30 de setembro, o Museo pon en marcha as visitas guiadas para aquelas persoas que, sen formar parte dun grupo concertado, queiran facer un percorrido da man do persoal do Gabinete Didáctico. Baixo o epígrafe "Mergúllate no Sexto", prográmanse visitas para coñecer as obras máis representativas das coleccións expostas nos edificios Sexto e Sarmiento, e descubrir algúns dos tesouros artísticos que agochan. Para estas visitas non é preciso inscrición, só é necesario achegarse ao punto de encontro establecido na recepción do Sexto. Os horarios destes percorridos serán ás 12 h e ás 19 h, de martes a venres, e ás 12 h os sábados e domingos. Cada percorrido ten unha duración aproximada de 75 minutos.

No que levamos de ano –ata o domingo 25 de xuño– os edificios visitables do Museo contabilizaron un total de 50.784 persoas. Este dato inclúe visitantes ás Ruínas de San Domingos, ao Sexto e ao Edificio Sarmiento, tanto ás exposicións temporais e permanentes como ás actividades puntuais que acolleron, como presentacións de libros ou audicións musicais.