Noticias

As Neves mellora as súas infraestruturas rurais en Setados, Taboexa e Vide cunha achega de máis de 85.000 euros da Deputación de Pontevedra

Santos Héctor: "Sabemos que As Neves crece e para que poida seguir combatendo o despoboamento hai que facer máis obras como estas"


15 marzo 2021
Visita obras en As neves

Un investimento de máis de 85.000 euros da Deputación de Pontevedra permitiu mellorar as infraestruturas municipais das que gozan as veciñas e veciños das parroquias de Setados, Vide e Taboexa. Unha vez rematadas as obras, hoxe foron supervisadas polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez. Na visita participaron tamén a deputada Olga García, o tenente de alcalde, Marcelino Couto, e o concelleiro Óscar González.

As actuacións cínguense a un contorno rural do concello da comarca do Condado e así pavimentáronse os camiños da Igrexa, na parroquia de Setados, e os que unen Carrasqueira (Taboexa) coa parroquia de Vide. Estas dúas actuacións foron licitadas por importe duns 36.500 euros. A maiores fíxose unha actuación de pavimentación e tamén de saneamento ao lugar do Reguengo, tamén na parroquia de Taboexa, cun investimento doutros 49.000 euros.

Santos Héctor recalcou a importancia que teñen este tipo de obras para mellorar o estado dos camiños no rural da provincia de Pontevedra. "Son actuacións que veñen a demostrar a flexibilidade do Plan Concellos, que se adapta perfectamente a tódalas necesidades e que aquí se traduciron nunha maior calidade para a mobilidade da veciñanza no rural". "Sabemos que As Neves crece e incorpora poboación e para que poida seguir combatendo o despoboamento hai que facer máis actuacións como estas".

Xosé Manuel Rodríguez reivindicou "o esforzo por democratizar o uso dos fondos públicos a través do Plan Concellos". Destacou que hai "un antes e un despois" desde o cambio no Goberno na Deputación no ano 2015. "Agora hai un caudal de diñeiro que é esencial para As Neves; sen o Plan Concellos estariamos limitados e gracias a el somos libres; así que moitas gracias por participar no desenvolvemento das Neves". O alcalde puxo en valor o traballo do tenente de alcalde, Marcelino Couto, "de xeito silencioso", para ir resolvendo os problemas nas vías públicas. Ao respecto da pavimentación e o saneamento no Reguengo, destacou que trátase dunha obra con "valor simbólico, pois era unha obra postergada durante anos e un compromiso, o igual que as outras obras en Setados, Taboexa e Vide".

O camiño da Igrexa, en Setados, conta cunha lonxitude de 180 metros e un ancho medio de 4 metros, que quedou perfectamente pavimentado. As máquinas tamén acondicionaron un ramal de 75 metros. Pola súa banda o camiño que une Carrasqueira con Vide, conta cunha lonxitude de 230 metros e un ancho medio de 3,6 metros. Para as obras realizouse unha limpeza e preparación da superficie, corte e fresado das áreas máis deterioradas do anterior firme e aplicación dunha nova capa de rodaxe con base de 1 centímetro e outros 5 centímetros de aglomerado en quente, garantindo así a duración da mellora. Finalmente, pintáronse os bordes.

No lugar do Reguengo pavimentouse o camiño, de 250 metros de lonxitude e ancho de 4,2 metros, así como un ramal de 30 metros de longo. A maiores dotouse á zona dun colector principal de saneamento de 225 metros e outro secundario de 30 metros ata a conexión coas acometidas das vivendas. Foi necesario executar un muro para conter un noiro inestable no último tramo.

O investimento total da Deputación de Pontevedra nas Neves, desde o ano 2015, supera os 6,5 millóns de euros. Este ano, no marco do Plan Concellos recibe 557.000 euros. Desde o ano 2015 As Neves foi quen de executar 52 obras con cargo ao Plan Concellos que, en gran parte, serviron para mellorar os servizos no rural. A maiores, obtivo financiamento para a mellora da rúa de Rosalía de Castro (328.000 euros do Plan DepoRemse) e para a ampliación do centro cultural de Rubiós (399.000 euros do Plan de Reequilibrio). O Concello puido contratar tamén a 86 persoas desempregadas para desempeñar traballos temporais en servizos municipais con cargo ao Plan Concellos. Este mesmo ano acolle a 10 traballadoras e traballadores.