Noticias

A Deputación pavimenta e mellora a seguridade viaria na EP-4201 no tramo entre Setados e a igrexa de Santa Marta de Ribarteme

Os traballos, que xa comezaron, teñen un orzamento próximo aos 300.000 euros e inclúen máis de 2,5 Km de cunetas tendidas para facilitar o tránsito peonil


23 xuño 2021
EP-4201 no tramo entre setados e a igrexa de Santa Marta de Ribarteme

As obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide, ao seu paso polo concello das Neves, están en marcha cun investimento de 291.383 euros da Deputación. Os traballos, que ademais da pavimentación reforzan a seguridade na mobilidade peonil, foron visitados hoxe polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, acompañados polo tenente de alcalde, Marcelino Castro.

A mellora abrangue un tramo de case 4 Km, desde o comezo da estrada en Setados, no cruzamento coa estrada autonómica PO-400, ata a igrexa e mosteiro de Santa Marta de Ribarteme, onde a Deputación xa realizou no ano 2019 unha significativa actuación de humanización para garantir a seguridade e a posta en valor deste contorno patrimonial, moi significativa para As Neves, pois alí celébrase unha das principais romarías populares de Galicia a finais do mes de xullo. As dúas obras quedarán así enlazadas optimizando a seguridade viaria e poñendo en valor este contorno patrimonial.

Gregorio Agís puxo en valor "a continuidade nas obras desta vía, que responden a unha programación e a un criterio de seguridade do século XXI dentro do modelo da Deputación". Explicou que os traballos son financiados ao 100 % pola Deputación ao tratarse dunha responsabilidade propia de conservación. O deputado anunciou que a entidade provincial seguirá "traballando nestes contornos rurais, porque entendemos que as estradas de calidade axudan a consolidar poboación". O deputado remarcou que o proxecto inclúe a construción de 2.550 metros lineais de cunetas transitables nas zonas con maior presión peonil para garantir a tranquilidade das persoas que camiñan polas beiras. Esta solución, que aproveita a cuneta para ofrecer un firme moi similar ao dunha senda, xa está a funcionar con éxito en moitas estradas provinciais.

Xosé Manuel Rodríguez destacou que a mellora das comunicacións entre a zona urbana das Neves e a igrexa de Santa Marta era unha vella ambición. "O tránsito a pé, dentro dun ámbito tan singular, ao que acode moita xente camiñando desde a parte sur do territorio municipal o día da romaría, vaise facer agora dunha maneira máis ordenada". Destacou que a obra encaixa coa intención do Concello de dotar a todos os espazos municipais de rutas peonís seguras, "así que a colaboración institucional coa Deputación é ben saudada desde o Concello, porque contribúe a alcanzar os obxectivos que nos temos fixado".

As obras que agora se executan, cun prazo de execución de 6 meses, enmárcanse no modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, e veñen dar resposta ás necesidades detectadas polo Departamento provincial de Infraestruturas. Consisten na reposición do firme da estrada, a mellora da drenaxe con instalación de tubaxes, habilitación das novas cunetas de seguridade e a completa renovación da sinalización horizontal e vertical. O proxecto, despois da exhaustiva revisión do firme da estrada, determina que é necesario sanear 540 metros cadrados, mentres que noutros 3.600 basta cun tratamento da superficie. A situación do firme obrigará a fresar noutros 5.350 metros cadrados e posterior extensión de asfalto en quente. Outros 15.900 metros cadrados da EP-4201 recibirán un microaglomerado en frío. As obras rematarán co pintado de todo o tramo.