Noticias

As "Barbies intervidas" chegan este xoves ao concello de Nigrán coa exposición "Rompe. Xoga en igualdade"

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurará a rompedora mostra de igualdade, acompañada do alcalde de Nigrán, Juan González, e das creadoras da exposición


01 agosto 2018
Rompe e Xoga en Igualdade

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañada polo alcalde de Nigrán e deputado provincial, Juan González, e de dúas das artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, inaugurará este xoves, ás 13:00 horas no salón de plenos do concello, a exposición "Rompe. Xoga en Igualdade". Esta mostra foi inaugurada en Pontevedra con motivo do 8 de marzo e tras o seu paso polo pazo Provincial comezou o seu percorrido en Vigo, Ponteareas e Mondariz.

A exposición está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes. Consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos.

A boneca seleccionada para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo. Pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos. Desta maneira, as artistas creadoras da mostra interviñeron ás bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico e, por iso, diante de cada peza haberá un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esta situación.

A exposición poderá visitarse no salón de plenos do concello de Nigrán ata o 21 de setembro e estará aberta ao público de luns a venres en horario de 9:00 horas a 13:30 horas.