Noticias

As axudas para o fomento a o deporte base da provincia achéganse a un 8% máis de entidades e clubs

Un total de 552 asociacións reciben preto de 600.000 euros en axudas para participar en competicións sumando un 20% máis de recursos


01 xul 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe  as axudas para o fomento e o deporte federado das entidades da provincia. En total é unha partida de 600.000 euros que achegarán axudas a 552 entidades de toda a provincia. Isto supón que un oito por cento máis de clubs, entidades e asociacións percibirán nesta edición axudas da Deputación de Pontevedra. O ano pasado a cifra tan so chegou 509 clubs e este ano achégase ate os 552 o que demostra unha maior equidade a hora do reparto ao acceder clubs que ate de agora non tiñan esa posibilidade.

No que respecta a cantidade global, mentres coa anterior corporación as axudas eran de medio millón de euros, na edición de 2016 as cantidades aumentaron nun vinte por cento achegándose ate os 600.000 euros totais. Estas axudas, contemplan as máis diversas disciplinas deportivas, achegando dende o fútbol, loita olímpica, natación ciclismo, esquí acuático, ximnasia, baloncesto, hípica, xadrez, motociclismo, taekwondo ou patinaxe, entre outras moitas.

Esta é unha das liñas de axudas para o deporte base, neste caso para aquelas entidades e asociacións, que para a súa práctica teñen que estar federados e en ligas oficiais. Na actualidade a Deputación está a manter máis de 3,3 millóns de euros en axudas para o fomento ao deporte na provincia, na gran aposta polo desenvolvemento das actividades deportivas como un eixo non só saudable senón tamén como  dinamizador da xuventude.  Entre  as axudas principais están as que mañá serán aprobadas en xunta de goberno por valor de 600.000 euros para o deporte base federado; as de deportes náuticos dotadas de 500.000 euros; as de clubs en competicións nacionais con máis de 800.000 euros e as de actividades que están dotadas de 490.000 euros.

Por comarcas, o deporte base vai recibir en Arousa 58.994 euros en máis de media centena de entidades. Na comarca de Terra de Montes 23 entidades repártense un total de 27.333 euros. No Deza, unhas 28 entidades recibirán 27.189 euros. No Baixo-Miño e Val Miñor as axudas ascenden a 87.370 e repártense entre unhas setenta entidades. Na cidade de Vigo, cento corenta asociacións recibirán 150.425 euros. Na cidade de Pontevedra son 45 entidades as que perciben 48.704 euros. Na comarca de Pontevedra, vinte entidades perciben 18.154 euros. No Morrazo, corenta e tres entidades recibirán 47.577 euros. Na comarca do Ulla-Umia, vinte entidades reciben 18.753. Na comarca de Vigo, trinta e nove entidades repártense un total de 48.529 euros. E, por último, na comarca do Condado-Paradanta trinta e sete entidades perciben 41.810 euros.    


Novas relacionadas

Firma das achegas a clubs federados

29 xullo 2017, ayudas, deportes, deporte feminino, deporte femenino