Noticias

A Deputación de Pontevedra achega preto de 600.000 € a case 500 clubs federados da provincia

Con estas subvencións o goberno de Carmela Silva cumpre os seus obxectivos e compromisos cos clubs da provincia de Pontevedra


29 xullo 2017
Firma das achegas a clubs federados

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións para clubs que participan en competicións federadas de ámbito inferior ao nacional no deporte base e para clubs de fútbol que compiten en Rexional Preferente.

En total son 461 os clubs da provincia que se benefician destas achegas da Deputación de Pontevedra, as cales supoñen un total de 599.784,030 €: preto de 100.000 € para 16 equipos de Rexional Preferente e preto de medio millón de euros para 445 equipos federados que compiten en categorías inferiores á nacional.

Con estas subvencións o goberno de Carmela Silva segue a súa liña de traballo pola que a Deputación de Pontevedra se afasta das axudas arbitrarias do anterior goberno, establecendo unhas bases con criterios específicos e obxectivos polos que se consegue que todos os clubs da provincia teñan os mesmos dereitos

Ademais, este ano por primeira vez tiñan máis puntuación os clubs que fomentan o deporte feminino e o deporte de persoas con diversidade funcional, continuando coa liña de apoio á igualdade de oportunidades.