Noticias

Arrancan as prospeccións nos castros de Montaz e Bendoiro no marco do convenio entre a Deputación e o CSIC para a investigación de xacementos castrexos

Tralos recentes traballos levados a cabo en Castrolandín (Cuntis), esta semana desenvolvéronse os de Montaz (Silleda) e a partir do luns comezarán en Bendoiro (Lalín)


27 xuño 2021
Tralos recentes traballos levados a cabo en Castrolandín (Cuntis), esta semana desenvolvéronse os de Montaz (Silleda) e a partir do luns comezarán en Bendoiro (Lalín)

Trala finalización dos traballos realizados en Castrolandín (Cuntis), cuxos novidosos resultados acaban de darse a coñecer, a Deputación de Pontevedra e o Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio) do CSIC veñen de iniciar  as prospeccións xeofísicas nos castros de Montaz (Silleda) e Bendoiro (Lalín), no marco do convenio entre ambas institucións para a investigación e posta en valor como recurso turístico dos xacementos castrexos da provincia.

Estes traballos de prospección xeofísica son complementarios de outros estudos de teledetección (LiDAR de alta resolución, fotografía multiespectral) xa levados a cabo en ambos xacementos, así como tamén en Castrolandín (Cuntis) por parte do Incipit. En concreto, a prospección en Montaz tivo lugar entre o 23 e o 25 de xuño, e abrangueu unha superficie de 2.800 metros cadrados, rozados previamente pola Deputación. Centrouse en dous espazos: o recinto principal do poboado, explorado na súa totalidade, e unha pequena vaguada na periferia E do xacemento. Os traballos están agora na fase de análise das prospeccións e nos vindeiros días coñeceranse os resultados.

No caso das prospeccións en Bendoiro comezarán este luns 28 de xuño. Vanse centrar no interior do Castriño de Bendoiro e en varios puntos da súa periferia E, na que xa foran documentadas varias estruturas defensivas nas escavacións realizadas entre 2006 e 2008 co gallo das obras do AVE. Os traballos levaranse a cabo cun gradiómetro de tipo fluxgate, un equipo que permite mapear anomalías magnéticas producidas por estruturas enterradas, metais ou áreas de combustión non visibles en superficie. É unha tecnoloxía moi apta para o mapeo de grandes superficies e permite unha valoración xeral do contexto arqueolóxico estudado. Trátase deste xeito dunha técnica idónea para o estudo dos poboados  dentro dun contexto espacial amplo, o que é un dos obxectivos de investigación do convenio entre a institución provincial e o CSIC. Unha das súas vantaxes é que non produce remoción nin alteración algunha do subsolo, sendo unha técnica completamente non invasiva.

Castrolandín

O pasado 18 de xuño a presidenta provincial Carmela Silva e representantes do Incipit xa deron conta das novidades que arroxaron os traballos realizados en Castrolandín, que amosaron que puido ser ata tres veces máis extenso do que ata agora se pensaba. Carmela Silva compareceu xunto ao director da escavación en Cuntis, Carlos Otero, e o investigador do Incipit e coordinador do proxecto, César Parcero, que subliñaron que estes achados abren novas liñas de investigación e interrogantes, xa que se ten coñecido que dentro do recinto amurallado principal había espazo libre de construcións mentres que as súas ladeiras, empinadas, de difícil acceso e peor defendidas, estaban habitadas.