Noticias

A Deputación asina un convenio co CSIC para impulsar un estudo sobre a biodiversidade e os produtos tradicionais da provincia

Carmela Silva: "O CSIC sempre foi imprescindible para tomar decisións intelixentes pero agora, coa COVID, a sociedade por fin tomou conciencia diso. É fundamental que o discurso da ciencia chegue á cidadanía"


07 maio 2020
Convenio co CSIC

A posta en valor da investigación e da ciencia e a necesidade de coidar a biodiversidade para evitar problemas presentes e futuros foron dúas das conclusións compartidas hoxe pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rosina López-Alonso, na firma dun convenio entre as dúas institucións para impulsar un estudo sobre os produtos tradicionais da provincia. Na sinatura, na que tamén participou a deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, ambas as dirixentes destacaron a necesidade de impulsar investigacións científicas para solucionar problemas que están a incidir e incidirán na vida humana e que sirvan de ferramenta para tomar "decisións intelixentes".

Carmela Silva quixo facerlle un recoñecemento ao CSIC. "Sempre foi unha institución imprescindible e un orgullo para o país, pero agora, nestes tempos de COVID, a sociedade xa tomou conciencia diso. É fundamental que o discurso da ciencia chegue á cidadanía". A presidenta provincial lembrou que "levades moito tempo alertando de que a perda de biodiversidade estaba a afectar moito a sociedade e que podía crear problemas coma o que temos. Hai que tomar conciencia de que a biodiversidade é un elemento fundamental para loitar contra pandemias presentes ou futuras", engadiu.

A presidenta da Deputación tamén enxalzou a importancia do convenio asinado, "moi relacionado, ademais, co cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030, que para nós é unha prioridade de Goberno; e que, por outro lado, nos vai permitir investigar sobre produtos galegos propios da nosa provincia, saudables e de proximidade".

Pola súa banda, a vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López-Alonso, destacou o importante papel da investigación para facerlles fronte á novas necesidades e crisis que van vir provocadas pola pouca atención que lle prestamos ao medio ambiente e á biodiversidade. "Se non atopamos unha solución desde a investigación aos problemas que nós creamos no noso contorno natural imos ter unha situación moi difícil", declarou. "A imaxe da investigación revalorizouse coa terrible pandemia que vivimos, pero non ten que ser por moda, ten que quedar para sempre". Respecto ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, López-Alonso fixo fincapé na necesidade de revalorizar as especies autóctonas galegas e sinalou que este estudo terá unha aplicación directa en temas coma a agricultura, a gastronomía, as tradicións e a cultura de Galicia.

En liñas xerais, o convenio asinado entre a Deputación e o CSIC a través da Misión Biolóxica, que ten un importe de 50.000 euros, permitirá impulsar unha investigación sobre produtos autóctonos e tradicionais galegos coma as coles, o brócoli, o nabicol, o millo corvo, as leguminosas, a vide e a oliveira para manter o seu aproveitamento, tendo en conta a súa importancia na prevención de pragas e enfermidades. O convenio permitirá xestionar, manter e multiplicar as coleccións de variedades locais galegas; facer estudios de viabilidade de sementes; planificar ensaios en campo; xestionar un invernadoiro e cámaras de crecemento; xestionar e controlar as cámaras de xermoplasma e climáticas de crecemento; multiplicar en campo e invernadoiro as variedades con pouco poder xerminativo; conservar e caracterizar a biodiversidade mediante a toma de datos vexetativos e reprodutivos de ensaios en campo e invernadoiro; optimizar a colección eliminando duplicados e informatizar e documentar datos ao respecto.