Noticias

Arranca a edición máis potente de As Mulleres que Opinan son Perigosas

Carmela Silva: "A axenda feminista ten que estar no centro de todas as actuacións políticas cara a un cambio de paradigma para construír outro mundo, porque este no que vivimos non nos interesa xa que nos exclúe e discrimina"


05 marzo 2021
Presentacón

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto ás xornalistas Diana López e Susana Pedreira impulsoras do encontro, deron esta tarde o pistoletazo de saída á IV edición de As Mulleres que Opinan son Perigosas. Nun salón de plenos, iluminado en lila e decorado con ferramentas vintage do mundo do xornalismo escrito, radiofónico e fotográfico, arrancou a edición "máis potente" de todas as organizadas, que como ano pasado faise en liña debido ás restricións da pandemia. Serán dúas xornadas, sete horas de debate, máis de duascentas inscritas, doce relatorios, dúas intérpretes de signos e dezaseis mulleres do mundo do xornalismo local, nacional e internacional, que debaterán sobre o tecnoestrés, os podcasts, a prensa local, o fotoxornalismo, a opinión, a perspectiva de xénero, as noticias da ciencia, a información económica, a comedia e as mulleres nas direccións dos xornais, nos países musulmáns e como correspondentes.

"As Mulleres que Opinan son Perigosas é xa unha referencia a nivel estatal" asegurou Carmela Silva na inauguración desta cita que atrae cada ano a "mulleres potentísimas para transmitir as súas opinións, visións e propostas; mulleres empoderadas que reclaman un espazo igualitario, cunha voz lila que di que non imos parar ata que non teñamos todos os dereitos que nos correspondan". Neste eido, a presidenta provincial destacou que "é hora de que a axenda feminista estea no centro de todas as actuacións políticas, non pode seguir aparcada, precisamos que se tomen xa decisións e poñer no centro de todo a necesidade dun cambio de paradigma de sociedade para construír outro mundo, porque este no que vivimos non nos interesa xa que nos exclúe e discrimina". Ao respecto Silva recordou a importancia dos coidados, "o centro da vida", que "teñen nome de muller e iso é un peso insoportable, que durante a pandemia xerou un estrés moi grande. Por iso esiximos corresponsabilidade, que sexa unha realidade e se tomen medidas xa".

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a importancia do encontro, "unha das mellores xornadas que temos a nivel estatal para reflexionar sobre novas formas de facer xornalismo nunha sociedade máis avanzada e xusta" e polo que "pasaron e pasarán grandes mulleres do xornalismo". Lores, que recordou datos da desigualdade entre homes e mulleres nas condicións laborais e fenda salarial, convidou a "todas as persoas e sobre todo aos homes que se dedican ao xornalismo a que escoiten ás súas compañeiras, que aprendan das súas experiencias porque as súas voces son imprescindibles se queremos avanzar". O alcalde rematou destacando que "precisamos máis que nunca ao feminismo para cambiar o mundo, que debemos facer entre todas e todos, homes e mulleres".

Trala apertura do encontro, Mar Cabra, xornalista de investigación e Premio Pulitzer 2017 polos papeis de Panamá, ofreceu a conferencia titulada "Do Pulitzer polos papeis de Panamá ao tecnoestrés xornalístico". A continuación, M.ª Jesús Espinosa de los Monteros, xornalista, directora de Podium Podcast e Podium Studios e con tres Premios Ondas recibidos en 2012, 2016 e 2021, afondou no "Podcast, unha nova forma de contar historias". Despois chegou a quenda da prensa local, con Belén López, do Diario de Pontevedra, e Montse Fajardo, integrante do equipo redactor do programa A memoria das mulleres que se centraron na "Cultura e memoria na prensa local". A fotoxornalista da axencia Reuters e primeira española en gañar un Premio Pultizer de fotografía (2020), Susana Vera, falou desde as "Trincheiras do fotoxornalismo. A linguaxe propia da imaxe". E pechou a primeira xornada do encontro As Mulleres que Opinan son Perigosas, Esther Palomera, xornalista, cronista política e analista de actualidade adxunta ao director de elDiario.es, que afondou na "Opinión en zona crítica".

A xornada do sábado comezará ás 11.30 horas tamén coa presenza da presidenta Carmela Silva e con Pilar Álvarez, xornalista e correspondente de xénero en El País, que falará sobre as "Novas responsabilidades con perspectiva de xénero". A continuación Pampa García, xornalista especializada en ciencia e redactora xefa da axencia SINC, ofrecerá a conferencia "A ciencia é noticia". A mañá rematará coas xornalistas e directoras de Nós Diario, Vinte e As Nosas, María Obelleiro, María Yáñez e Silvia Carregal, que se centrarán nas mulleres que dirixen os novos medios galegos.

Pola tarde, a partir das 17 h, será a quenda de Ebbaba Hameida, xornalista e vogal de Reporteiros Sen Fronteiras España, que afondará nas "Voces desterradas. Mulleres en países musulmáns". A continuación Lara Graña e Mercedes Mora, xornalistas e xefas da sección de Economía en Faro de Vigo e La Voz de Galicia, falarán sobre "Elas dirixen a información económica". Posteriormente Henar Álvarez, cómica, guionista e presentadora de radio e televisión, centrarase na "Opinión precisa comedia: un pouco de buenismo bien e algo de mala leche". O peche correrá a cargo de Almudena Ariza, correspondente de TVE en París e antes en Pekín e Nova York, que dará a súa visión do "Mundo no plano corto. A experiencia dunha correspondente".

Fotos

Vídeos