Noticias

Areeiro aconsella un segundo tratamento contra o mildio despois das choivas previstas para esta fin de semana

O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica sinala que nesta aplicación contra o mildio se deben usar funxicidas que leven folpet, para cicatrizar as roturas producidas nos gromos da viña polos ventos desta semana


28 abril 2017
mildeu

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella un segundo tratamento contra o mildio na viña e, cando sexa posible, que ese tratamento se retrase ata despois da choivas previstas entre o sábado e o luns da vindeira semana. O persoal técnico da EFA indica que, cando non sexa posible pospor esta aplicación ata despois do luns ou en caso de que as choivas non sexan continuadas e se reduzan a chuvascos illados, os tratamentos deben realizarse en viña seca e só resultarán efectivos se non chove durante a hora seguinte á aplicación. Con todo, advirten que o período de protección se pode ver reducido se as choivas son continuadas despois da aplicación.

Desde a EFA tamén sinalan que os ventos dos últimos días provocaron roturas nos gromos da viña, polo que se a incidencia de rotura é elevada, atendendo á contía de varas afectadas, na aplicación que se faga contra o mildio deben elixirse funxicidas que leven folpet, materia activa cicatrizante. En relación ao vento, as técnicas e os técnicos tamén advirten que as aplicacións que foron realizadas en condicións de vento forte non soen ser eficaces, posto que os fitosanitarios son arrastrados fóra da zona a tratar e, polo tanto, non protexen as plantas.

A recomendación desta segunda aplicación do tratamento contra o mildio vén dada porque, a pesar de que nestes últimos días o risco foi moi baixo debido ás temperaturas nocturnas baixas, a partir do vindeiro mércores espérase que se recuperen, polo que o risco de infección tamén se incrementará.

En canto á mazá, a EFA alerta sobre a necesidade de vixiar o moteado xa que, en caso de que o incremento das temperaturas nocturnas coincida con condicións de humidade, incrementaríase o risco de ataques desta enfermidade. En canto ao kiwi, recomendan a aplicación dalgún funxicida cicatrizante en caso de que houbese feridas significativas pola rotura de gromos a causa dos fortes ventos dos últimos días.

Por último, desde a EFA tamén indican que están a recibir numerosas consultas sobre a loita contra a praga causada polo insecto coñecido como avespiña do castiñeiro. As e os técnicos de Areeiro queren lembrar que o único medio de control deste insecto é a loita biolóxica, que realiza a Xunta de Galicia a través de soltas controladas dun parasito denominado Torymus sinensis. En todo caso, aconsellan non realizar movementos de planta non controlados que poidan contribuír á dispersión do insecto como unha medida a ter en consideración para axudar a conter esta perigosa praga.